O ex presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, non deixará o cargo tras unha nova sentenza que o condena por un delito de prevaricación por irregularidades nas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña cando era mandatario provincial. Seguirá dirixindo o fútbol galego "con absoluta normalidade".
Louzán fora condenado en 2021 polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra como autor dun delito de prevaricación, en concurso cun delito de fraude, e, tras recorrer ante a Audiencia Provincial, acaba de ver como boa parte da súa condena queda en nada. A nova sentenza absólveo do fraude, que supoñía una pena de dous anos de prisión.
O novo fallo xudicial, notificado este luns, mantén que si é autor dun delito de prevaricación e imponlle unha pena de inhabilitación para exercer calquera emprego ou cargo público durante sete anos. Tamén neste punto, a condena é menor, pois a inicial era de oito anos.
Ante esta nova resolución xudicial, Louzán xa tomou a decisión de volverá presentar outro recurso, neste caso, de casación. Mantén a súa inocencia ao entender que "non adoptou ningunha decisión ilegal, arbitraria e inxusta" e que, de existir, "non superaría a mera ilegalidade formal de carácter administrativo", xa que limitouse a votar nun órgano colexiado, a Xunta de Goberno da Deputación. Destaca tamén que foi o único membro desa Xunta que foi encausado.
A resolución da Audiencia sostén que prevaricou ao votar a favor do acordo de conceder unha subvención para as obras do campo de fútbol "aínda que sabía que era ilegal e arbitrario porque respondía a un artificio para, burlando as barreiras da normativa, satisfacer as reclamacións da contratista, infrinxindo o deber de transparencia e non protexendo os dereitos da Administración".
O ex presidente provincial, moi crítico desde o primeiro momento coa sentenza condenatoria do Xulgado do Penal, considera que esta nova resolución da Audiencia "supón unha enmenda xeral" á "inconsistente" resolución anterior.
Así, considera que "deixa en evidencia a súa debilidade xurídica" ao anular o delito de fraude "porque non existiu prexuízo nin risco de prexuízo para a Administración Pública nin tampouco se acreditou nos acusados o dolo ou intención de prexudicar o patrimonio da Administración".
Esta nova sentenza elimina o delito de fraude para os oito acusados e, ademais, absolve totalmente a catro das oito persoascondenadas nesta causa, entre elas, a ex alcaldesa de Moraña e ex delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro.
Louzán non só recorrerá, senón que non pensa deixar o seu cargo. Así, apela ao carácter "provisional" da sentenza e á presunción de inocencia e anuncia que continuará desenvolvendo o seu cometido como presidente da Real Federación Galega de Fútbol "con absoluta normalidade", como veu facendo ao longo dos últimos 15 meses, desde que en febreiro de 2021 foi condenado en primeira instancia.
Louzán fixo público un comunicado no que deu a coñecer que o fallo xudicial lle foi notificado este mesmo luns e sinala que considera "revelador da intencionalidade deste procedemento" o feito de que unha causa de 33 tomos, na que orixinariamente se investigaban presuntas irregularidades en adxudicacións de obras millonarias en todas as Administracións, evolucionara cara nunha causa de só dous tomos e derivara nun xuízo por unha presunta prevaricación administrativa sen transcendencia económica na concesión dunha achega por importe de 71.000 euros + IVE.
Nesta liña, insiste en que a Audiencia Provincial modifica os feitos probados pola xuíza de primeira instancia e sinala que "non consta que as cantidades cobradas por Eiriña S.L. non se corresponderán con obras efectivamente realizadas, nin que houbera aplicado prezos superiores ao mercado".
A Audiencia considera que Louzán cometeu irregularidades ao conceder a Eiriña unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, na súa maior parte, executadas. Engade que, ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que, para facer fronte a ese pago, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado". Así, en 2013 adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese importe, en concreto, as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.