O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, solicitará formalmente unha entrevista co titular de Banesco, Juan Carlos Escotet, en canto se faga cargo de NGB, nun prazo duns tres meses.
O obxectivo desta xuntanza é dar resposta ao compromiso adquirido no último pleno cos afectados polas preferentes, de abordar este tema directamente con Escotet.
Louzán amosou o seu desexo de que este problema estea "xa solucionado" neste prazo de tres meses, dado que "este non é un tema alleo a Banesco, que xa manifestou interese en dar unha resposta definitiva a ese asunto", pero, de non ser así "imos mediar para que se busque unha solución ao que quede aínda pendente".
A Administración provincial é a segunda institución con maior volume de operacións con NGB
Louzán Abal incidiu en que, ademais da busca de solución aos afectados polas preferentes, a Deputación tamén ten un interese directo en manter contacto cos máximos responsables da nova entidade para "coñecer as condicións económicas futuras", dado que a Administración provincial non só é "a segunda con maior volume de operacións" con NGB senón que incluso hai oficinas da entidade en centros da Deputación, como pode ser o ORAL.
Nesta liña, Louzán lembrou a "fe" que sempre demostrou a Deputación "nesta entidade financeira de raíz claramente galega, coa que seguimos a nosa liña de traballo permanente" incluso nos momentos máis difíciles e incidiu en que "a intención e continuar, pero tamén hai que ver as condicións económicas de cara o futuro".