Rafael Louzán non permanecerá na Deputación de Pontevedra se PSOE e BNG chegan a un acordo para gobernar as institución provincial, tras perder o Partido Popular a maioría absoluta que ostentaba.
Así o recoñeceu o aínda presidente provincial na súa primeira comparecencia na sede da Deputación tras as eleccións ao declarar que "estamos á espera de que poida haber unha coalición de goberno e se a hai está claro que quen lles fala non estará nunha futura corporación", declarou ante os medios de comunicación.
Louzán pediu prudencia ante o posible cambio de goberno porque "primeiro teñen que chegar a acordos, e polo que puidemos ver estes días hai desavenencias importantes", en relación á negociación entre socialistas e nacionalistas.
Louzán: "Primeiro teñen que chegar a acordos, e polo que puidemos ver estes días hai desavenencias importantes"
Malia a situación o responsable da institución provincial quixo defender a súa xestión durante 12 anos declarándose "afortunado" por iso e reivindicando ter alcanzado "tres maiorías absolutas e unha relativa, xa lle gustaría a outros presentar ese balance", porque segundo defendeu o Partido Popular "gañou ás eleccións. Estamos en condicións de gobernar en 44 concellos na provincia".
Por ese motivo Rafael Louzán quixo tamén mandar unha mensaxe aos seus rivais nas urnas ao asegurar que "nin BNG nin PSOE poden saír vitoriosos" cos resultados pola irrupción de novas forzas políticas, mentres en relación ao seu propio partido e ao cargo que ocupa como presidente pronvincial anticipou que "non haberá ningunha variación a curto prazo".
A comparecencia de Louzán produciuse na firma dun convenio de colaboración entre Deputación e o Pontevedra Club de Fútbol.