Louzán, reelixido por quinta vez presidente provincial do PP cun respaldo do 97,1%

Pontevedra
23 de marzo 2013

O Congreso do PP de Pontevedra celebrado en Silleda deixa unha executiva renovada en máis dun 60%, con 50 caras novas e importantes cambios na cúpula directiva. Nesta nova etapa "o maior reto será estar ao lado da xente, pegados aos seus problemas, solidarizándose con eles".

Cunha executiva renovada en máis dun 60% Rafael Louzán Abal foi reelixido presidente provincial do PP en Pontevedra por quinta vez consecutiva co apoio do 97,1% dos compromisarios asistentes ao Congreso Provincial do partido celebrado este sábado en Silleda.

Logo de ser reelixido, Louzán centrou a súa intervención na unidade e a cohesión do Partido Popular e na súa clara vocación municipalista que, tal e como subliñou, cobra un especial significado en momentos coma o actual, cando os alcaldes e alcaldesas están vivindo un dos peores momentos, non só por ter que facer fronte cada día a máis demandas con menos recursos, senón porque son tamén "o branco fácil" para os axitadores e manipuladores.

Louzán sinalou que só o PP está centrado en resolver os problemas da xente, e faino desde a unidade e a cohesión, porque "para tirar cada un para un lado xa temos a outros partidos. Nós temos que ser o que somos: un partido unido e cohesionado, porque cando hai unidade hai tempo para resolver os problemas da xente".

No polo oposto situou aos socialistas e nacionalistas, dos que indicou que están perdidos uns en loitas internas e en tratar de ⿿botar a Pachi Vázquez, que non se vai nin con auga quente"; e outros en "soberanismos e independentismos" que os galegos non reclaman.

Despois de agradecer a toda a militancia, ⿿aos máis" e 34.000 afiliados que conforman esta gran familia", a confianza no partido, Louzán comprometeu o seu traballo e o de toda a nova cúpula directiva para "non defraudarvos nunca".

A nova executiva inclúe 50 caras novas e unha profunda remodelación do comité, que incluirá postos de nova creación e unha estrutura máis adaptada ao que se pretende para esta nova etapa do partido, cunha especialización por áreas orientada a dar unha mellor resposta aos problemas sociais, segundo indicou o PP nun comunicado.

Neste sentido, á nova incorporación de Rocío de Sinde Penas, que substitúe a Begoña Estévez como secretaria xeral do partido, únese a creación do posto de voceiro, que desempeñará José Alberto Pazos Couñago. Como secretario de Organización entra Luis Serantes Álvarez e Eloisa María Nogueira Garrido será a vicesecretaria de Organización.

Repiten Figueroa e Crespo

Na cúpula directiva repiten nos seus cargos José Manuel Figueroa como vicepresidente e José Crespo como vicesecretario xeral. A eles únense 32 coordinadores de área, ademais dos 22 vogais e 21 membros natos.

Na presentación da candidatura, Louzán destacou que se trata "dun equipo forte, dun equipo renovado" que "quero que sexa o voso equipo, que todos e cada un dos militantes do PP teña nesta executiva alguén en quen se sinta reflexado". Subliñou que se trata dun equipo preparado para facer fronte á nova etapa que se abre e na que "o maior reto será estar ao lado da xente, pegados aos seus problemas, solidarizándose con eles".

Begoña Estévez realizou o seu derradeiro discurso antes de ser relevada como secretario provincial do PP facendo balance dos case tres anos e medio de mandato da executiva saínte. Un tempo que resumiu como "tres anos, tres citas electorais e tres resultados históricos".

Situou os éxitos electorais como unha mostra de que o PP "é un partido que convence", e iso é o que fixo posible acadar o récord histórico de alcaldías nas municipais de 2011, onde o partido tivo maioría absoluta en 36 concellos e conseguiu formar goberno en 47. Tamén foi esa capacidade de conectar coa sociedade a que permitiu que nas nacionais de novembro se conseguise ser a forza máis votada nos 62 concellos da provincia, un pleno nunca antes rexistrado e que marcou a chegada de Mariano Rajoy, "o máis destacado militante" do PP provincial, á Moncloa.

O presidente provincial de Novas Xeracións, Diego Gago, sinalou que a sanidade, a educación, a corrupción e o fraude, preocupan aos cidadáns "pero, sen dúbida, o noso principal problema é o paro, un auténtico drama social", que require medidas contundentes. Apostou por "poñer en marcha medidas que xeren a reactivación da demanda interna, como a mellor fórmula de preservar o emprego, o benestar e o progreso económico e social".

O vicesecretario xeral dos 'populares galegos', Agustín Hernández, incidiu en que "é preciso chegar a acordos concretos para a prestación dun servizo, ceder competencias ou, mesmo, se así se acorda, fusionar municipios", porque a escaseza de recursos fai imprescindible unha racionalización na prestación de servizos que nunca se debeu esquecer. Neste sentido, a proposta do PP establece como "ineludible" que as administracións "reformulemos as nosas pautas de actuación, tendendo cara a figuras máis compactas, que propicien unha maior eficiencia con menores custos e que evite o solapamento de servizos e funcións".