A chegada de La Vuelta Ciclista a España á provincia de Pontevedra, o próximo xoves 11 de setembro, coincidirá coas primeiras xornadas do curso escolar. De aí que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, fixera un chamamento para que nos máis de 30 concellos pontevedreses "os colexios teñan toda a sensibilidade para que os cativos que estou seguro de que desexarán participar e estar nos puntos de saída e chegada" poidan facelo.
A presenza dos rapaces contribuirá, segundo Rafael Louzán, a que sexa numeroso o público que, como nos dous anos anteriores, siga a proba en directo ao longo de todo o percorrido. "Solo pedimos un esforzo por parte do público para que participe masivamente", afirmou.
Louzán fixo esta reflexión durante a rolda de prensa na que se presentaron os espectáculos musicais e actividades que a Deputación e os concellos que son saída ou meta das dúas etapas pontevedresas, todos eles por vez primeira, porán en marcha na semana vindeira para que a proba ciclista sexa, novamente, "moito máis que un evento deportivo e se converta nun verdadeiro evento social".
O primeiro deles terá lugar o mércores 10 de setembro ás 22.00 horas en A Estrada, onde a actuación da Orquestra Panorama no campo da Feira servirá de anticipo á saída da 18ª etapa da Vuelta, desde a Praza de Galicia ás 12.00 horas do xoves. Ademais, o concello está traballando coas asociacións de comerciantes nun programa de actividades na rúa, que se desenvolverá no núcleo urbano do municipio durante a tarde do mércores.
Meis será o segundo centro de atención, dado que a 18ª etapa terá o seu final no Monte Castrove, fronte ao Campo de Golf e con "magníficas vistas" da ría. Esta chegada está prevista en torno ás 17.30 horas, pero non será o único paso do pelotón polo Castrove "onde haberá un dobre percorrido case todo de subida". Como broche final desta etapa en Meis, a orquestra París de Noia ofrecerá un concerto no Campo da Feira de Mosteiro, o xoves 11 ás 22.00 horas.
Pola súa banda, o Concello de Salvaterra ve neste evento deportivo unha oportunidade única para "darse a coñecer no mundo" e para promocionar os viños do Condado. Será o punto de saída da 19ª etapa, que se iniciará desde a Praza do Concello ás 11.30 horas do venres 12 de setembro e que estará precedida dunha actuación da orquestra Panorama no recinto do Castelo, ás 23.00 horas do día anterior.
O Morrazo será o punto final da estadía do pelotón en Pontevedra e aí sitúase outro dos puntos que Louzán considera "estratéxicos" para ver o "mellor espectáculo ciclista". Trátase da subida a Domaio, con varios quilómetros de ascenso, cualificados como de "dureza extrema" pero que é dun "gran atractivo" para os afeccionados ao ciclismo. O broche final será o concerto de Carlos Jean, previsto para as 22.30 horas na explanada de Ojea.
Tanto os rexedores locais como o presidente da Deputación e a deputada Begoña Estévez subliñaron o "gran escaparate" que ofrece a Vuelta a España para a promoción turística das Rías Baixas e a oportunidade que representa para prolongar a tempada estival durante o mes de setembro. Supón, dixo Louzán, "unha campaña de promoción que non poderiamos pagar" e situou como público obxectivo a países como Francia, Bélxica ou Holanda, pola súa afección ao deporte e pola súa proximidade a Galicia.