Rafael Louzán vive este mércores o seu penúltimo día como presidente en funcións da Deputación de Pontevedra neste mandato e previsiblemente a súa penúltima xornada á fronte da institución, na que o venres se prevé que o BNG favoreza a investidura da socialista Carmela Silva como nova presidenta. Na súa rolda de despedidas, e nun acto na Comandancia da Garda Civil, aproveitou para anunciar que o organismo provincial fixo os deberes con distintas obras pendentes e unha delas é a Rolda Leste a Pontevedra: "Entre esta semana y la próxima quedará adjudicada".
Louzán referiuse ao dato xa coñecido de que un total de 25 empresas concorreron ao concurso público aberto para a construción da Rolda e avanzou que, segundo a información que lle deron os técnicos na mañá deste mércores, tres desas empresas presentaron unha baixa temeraria que agora teñen que xustificar.
Segundo avanzou o aínda presidente provincial en funcións, está "todo listo para dar inicio a las obras", de modo que, tras a adxudicación, os traballos poderían ser inminentes. Dada a época estival, as estimacións que manexa son que "como máximo en septiembre empiecen".
Os traballos previstos afectan a 33.473 metros cadrados de terreos de 63 propietarios e, segundo indicou Louzán este mércores, o procedemento expropiatorio está rematado.
Entre as 25 empresas que optan a construír a Rolda Leste figuran as máis relevantes e importantes do sector, como Acciona, Dragados, Covsa, Taboada e Ramos, etc. etc.. A construción, que afecta ao tramo comprendido entre a estrada PO-542 (Ponche Bora-O Piñeiro), a estrada PO-532 (Pontevedra-ponte Caldelas) e o acceso ao Hospital de Montecelo e a Cidade Infantil Príncipe a Felipe, ten un presuposto de 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses.
Louzán explicou este mércores a súa ausencia ao Pleno extraordinario celebrado o martes na Deputación, o útlimo deste mandato. Segundo indicou, coincidíame con outras cousas" e decidiu non ir a pesar de que o seu costume é non ausentarse de ningunha sesión plenaria porque, neste caso, o Pleno "era puramente de trámite". O compromiso que lle levou a ausentarse era en Madrid, onde debía asistir á asemblea xeral da Federación Española de Fútbol e "dúas cousas máis".
En relación co Pleno previsto para o próximo venres, que será o de investidura da nova Corporación provincial, dá por feito o pacto entre BNG e PSdeG-PSOE para presidir a Deputación. "Cousas veredes", valorou, en referencia a que o PP será o partido con máis deputados na próxima Corporación e, malia iso, non gobernará, senón que"aparentemente hai dous partidos que teñen intención de gobernar a Deputación a pesar de que a súa intención é que as deputacións non existan".