O presidente da Deputación provincial considera que, nestes momentos, non é posible aumentar o número de Parques de Bombeiros que integran o Consorcio Provincial para ampliar a prestación do servicio contra incendios e salvamento nos concellos da provincia, salvo en Vigo e en Pontevedra.
Desta forma, Rafael Louzán, contestaba á preocupación manifestada polo alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, que demandaba un novo parque ou un subparque para cubrir esta zona interior da provincia (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Fornelos, Soutomaior...). Actualmente, o municipio de Ponte Caldelas está adscrito ao Parque de Bombeiros do Morrazo, con base en Bueu, coa conseguinte limitación no tempo de resposta en caso de que se produza un incendio nesa zona interior. Louzán indicou que existen zonas que "non teñen cobertura que nos gustaría pero hai que ser razoables". O presidente da Deputación engadiu que os concellos afectados e beneficiados polos servizos do Consorcio non pagan nada e engadiu que é algo que "haberá que retomar no futuro".
En relación coa petición de Perfecto Rodríguez indicou que "se poñemos en marcha novas posibilidades de cobertura, o problema é telo en marcha no futuro. Ten que ser un servizo de 24 horas". E afirmou que ao alcalde de Ponte Caldelas se lle propuxo a creación dun grupo de emerxencias (GES), que foi descartado dende o goberno local porque "non era asumible" alegando que non podía inverter o 20% do presuposto deste servizo.
O operativo actual dos catro parques do Consorcio Provincial, cuxo pleno se celebrou este luns 17 na Deputación provincial, conta con 75 bombeiros e se aprobou un presuposto para 2015 de 3,2 millóns de euros que son achegados ao 50% por parte da Xunta e da Deputación.
Louzán tamén insistiu nas dificultades que existen para que o Parque de Bombeiros de Pontevedra poida realizar na actualidade traballos fóra da capital. Indicou que houbo contactos no seu momento pero que, agora mesmo, non é posible xa que terían que pedirlles aos concellos que asumiran gastos. "Estamos dando pasos e hai 10 anos este servizo non existía. E onde hai parques empresariais hai un parque de bombeiros que axuda a reducir a cuota de gasto de cobertura de seguros" concluíu o presidente da Deputación.