O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, defendeuse este mércores das acusacións de "caciquismo" formuladas pola oposición durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia para detallar os presupostos da institución provincial antes da súa aprobación.
Louzán reivindicou o papel "primordial" das institucións provinciais fronte aos que demandan a súa desaparición. Entre outros argumentos os deputados Daniel Rodas (BNG), Juan Farjardo (AGE) e Abel Losada (PSdeG-PSOE) acusaron de "clientelares" os mecanismos de repartición de fondos e cargaron contra a "humillante" repartición de cheques "propia de repúblicas bananeiras", entre as asociacións da provincia e o aumento de axudas "ao pesebre da prensa" para que estea "ao seu servizo" no marco da súa "política presidencialista e centrada no autobombo".
Fronte a estas acusacións o representante do PP no debate, Alejandro Gómez Alonso, destacou que a Deputación de Pontevedra ocupa o posto número 13 en "transparencia" entre as 45 deputacións estatais.
LA VUELTA CICLISTA
En canto ao custo da saída de La Vuelta Ciclista a España dende unha batea en Vilanova de Arousa, indicou que "para a Deputación foi cero" e animou os deputados a que pregunten á empresa organizadora Unipublic. En calquera caso, subliñou que a permanencia deste certame durante case unha semana en Galicia foi "boa para a hostalaría".
PASARÿN
O deputado de AGE, Juan Fajardo, preguntou ademais polos sobrecostes das obras do Estadio de Pasarón, do Museo de Pontevedra e das Pousadas do Salnés.
Curiosamente foi o deputado do PP, Alejandro Gómez, quen se adiantou a Louzán para xustificar todos eses excesos, aínda que Louzán recolleu a luva nun destes asuntos: Pasarón. Fíxoo para atacar ao grupo municipal socialista en Pontevedra asegurando que "o tema de Pasarón é froito das hostilidades entre o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego en Pontevedra".