Louzán declara ante a Fiscalía que os reformados de Pasarón foron aprobados por unanimidade e sen reparos

Pontevedra
24 de outubro 2014

Rafael Louzán acudiu este venres a declarar ante a Fiscalía en calidade de testemuña no marco da investigación aberta a raíz da denuncia presentada polo secretario local do Partido Socialista en Pontevedra, Agustín Fernández, polo sobrecusto das obras de construción do estadio de Pasarón

Rafael Louzán á súa entrada aos xulgados da Parda para declarar sobre o sobrecoste de Pasarón
Rafael Louzán á súa entrada aos xulgados da Parda para declarar sobre o sobrecoste de Pasarón / Mónica Patxot

O presidente da Deputación e do PP provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, acudiu este venres a declarar ante a Fiscalía en calidade de testemuña no marco da investigación aberta a raíz da denuncia presentada polo secretario local do Partido Socialista en Pontevedra, Agustín Fernández, polo sobrecusto das obras de construción do estadio de Pasarón.

Louzán declarou que o proxecto e os reformados de Pasarón "foron aprobados por unanimidade de todos os membros da corporación", (PP, PSOE e BNG) nos plenos da Deputación e no Concello "sen que houbese reparo suspensivo ningún".

Xunto a Louzán, a Fiscalía de Pontevedra citou membros da Xunta de Goberno da Deputación naqueles momentos, aínda que as obras se desenvolveron en varias fases, iniciándose no 2003 e finalizando no 2013.

Estaban citados, ademais do presidente da institución provincial, Rafael Louzán, os vicepresidentes José Manuel Figueroa, Teresa Pedrosa, Xosé Crespo e José Juan Durán, e os tamén deputados José Balseiros, Salvador González Solla, Jesús María Fernández Portela e José Enrique Sotelo.

A reforma do estadio no que xoga o Pontevedra Club de Futbol licitouse inicialmente en 2006 en 7,2 millóns de euros á empresa Oreco e foi modificada ata tres veces ata superar os 17 millóns, un 150% máis do previsto.

Louzán indicou que este chamamento a declarar por parte do Ministerio Público se enmarca dentro do "proceso normal que debe de seguir o Ministerio Fiscal ante calquera denuncia que reciba antes de adoptar un acordo sobre o procedemento que se denunciou: o arquivo da denuncia ou o seguimento desta".

"Hai que recordar que en todo o procedemento administrativo constan todos os informes preceptivos, sendo todos eles conformes á lexislación e non constando ningún reparo suspensivo", insistiu o mandatario provincial.

"O único que se desprende de toda a información que alí consta é que hai un informe desfavorable non vinculante emitido polo Consello Consultivo e que chegou aquí cinco meses despois de que a corporación provincial tivese aprobado no Pleno por unanimidade o reformado que permitiu continuar as obras de Pasarón", dixo o presidente da Deputación.

Louzán explicou que a Fiscalía lle preguntou pola "motivación dos reformados" e interesouse por coñecer a valoración que o presidente da Deputación fai destes. Louzán respondeu "que non teño a capacidade técnica para valorar", unha cuestión que segundo dixo "xa fixeron os técnicos e a dirección de obra".

Tamén foi preguntado por se había algún reparo suspensivo por parte da Intervención ou da Secretaría da Deputación, "que en ningún momento existe en toda a documentación que obra aquí e que se lle entregou ao fiscal", afirmou.

Foron "aprobados por unanimidade", o que inclúe ao "PSOE do momento, partido do agora denunciante"

Rafael Louzán fixo especial fincapé en que todos os acordos de adxudicación e de reformado do proxecto orixinal foron "aprobados por unanimidade", o que inclúe ao "PSOE do momento, partido do agora denunciante".

Louzán recordou os antecedentes sinalando que o estadio de Pasarón formaba parte dun convenio asinado en 2003 pola Deputación, a Xunta e o Concello de Pontevedra, e que incluía unha segunda actuación, a construción do Complexo Lúdico deportivo da Parda.

Neste punto da súa comparecencia Louzán mostrou dúas fotografías en gran tamaño, unha do estadio e outra da situación na que se encontran as obras de Centro Lúdico Deportivo, invadidas pola maleza despois de anos de "total abandono" ao non se completar as obras, "esta é a realidade das dúas obras".

"Curiosamente dende a fiscalía víase toda esta instalación", comentou Louzán sobre esta obra que o Concello e a Xunta deberon rematar.

SAN MAMÿS

Ao referirse ao sobrecusto de Pasarón, o titular da institución provincial explicou que o custo final do estadio foi similar ou mesmo bastante menor doutros estadios construídos en España e Europa na mesma época.

O custo por metro cadrado construído en San Mamés foi 14 veces maior que o estadio de Pasarón

Neste sentido, fixo unha comparativa entre o custo de Pasarón e do estadio de San Mamés (Bilbao). "En Pontevedra construíronse 19.468 metros cadrados, a un custo por metro cadrado de 809,7 euros e un custo por localidade de 1.453,7 euros. En San Mamés, foron 21.000 metros cadrados os construídos, a un custo de 11.400 o metro cadrado e un custo por localidade de 4.500 euros", afirmou.

"Así que o custo por metro cadrado construído en San Mamés foi 14 veces maior que o estadio de Pasarón; e o custo por localidade de San Mamés foi 3 veces maior que o de Pasarón", concluíu non sen antes recordar que o custo final de San Mamés foi de 240 millóns euros (cun incremento de 70 millóns sobre o proxecto inicial), fronte aos 17 millóns que tivo Pasarón de custo final.

OUTRAS REACCIÿNS

Dende o Concello de Pontevedra, o concelleiro César Mosquera coincidiu con Louzán en recordar que todo o expediente administrativo relativo ao novo estadio de Pasarón foi aprobado por unanimidade dos tres partidos políticos, PP, PSdeG-PSOE e BNG, "tanto na Deputación como no Concello". A pesar diso, si afirmou que se se demostra que "alguén puxo o cazo" ou fixo algo delituoso, "leña con el, toda a que sexa".

Pola súa banda, Agustín Fernández, o edil socialista que presentou a denuncia por estes sobrecostes, limitouse a asegurar que "no estoy diciendo que se haya cometido algo ilegal", pero si que hai certas irregularidades que debía investigar a Fiscalía. Sobre todo ante o que definiu como unha "trama de sobrecostes" relacionados coa Deputación, xa que recordou que o mesmo que pasou con Pasarón sucedeu co Sexto Edificio do Museo ou coas Pousadas do Salnés.