"Javier Guerra intentou buscar por activa e por pasiva unha solución para salvar os postos de traballo de Alfageme". ÿ a defensa que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, realizou da xestión do conselleiro de Economía e Industria, no caso Alfageme, despois de que o Igape rexeite as tres ofertas presentadas pola conserveira, ao non cumprir ningunha delas cos requisitos esixidos.
Segundo o goberno galego, púxose de manifesto "a imposibilidade de condonar a débeda a ningunha das compañías interesadas". Unha débeda, din, derivada do pago dos avais por valor de 33 millóns de euros que o bipartito concedeu no seu día a Alfageme, e cuxa condonación dependía da continuidade dos 150 postos de traballo cos que contaba a conserveira.
Igual que explicaba onte á noite a Xunta de Galicia nun comunicado, Louzán indicou que nin El Consorcio, nin Pescamar nin Coswinga garantía a continuidade dos 150 postos de traballo de Alfageme. E sinalou ademais que a proposta defendida por Rosa Abuín, responsable da CIG, á que cualificou de "sindicalista metida a política", a da firma El Consorcio "mantiña os 150 traballos durante cinco anos, a cambio dunha axuda de 17 millóns de euros para garantir a viabilidade da empresa".
"Que pensarían as miles de persoas que están perdendo ou seu traballo se lle déramos eses cartos e a eles non?", preguntouse en alto Rafael Louzán, xusto antes de volver atacar a Rosa Abuín polas súas denuncias contra a xestión da Xunta. Dela, recordou que "non o denunciou cando o bipartito deulle os avais á empresa", citando uns presuntos "intereses ocultos".
"Tivo ou peor desenlace posible", dixo Louzán, quen con todo reiterou que desde a Xunta de Galicia "fíxose todo o que estaba na súa man co obxectivo de garantir a súa viabilidade e pensando sempre no mantemento dos empregos. E así, o presidente da Deputación recordou que tras pagar os avais, púxose en marcha un proceso xurídico moi complexo, co fin de atopar unha "empresa solvente, técnica e economicamente, que garantise o emprego e a viabilidade financeira da conserveira".