O presidente da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, culpou a súa formación política das dificultades para ter gobernos en concellos como Ribadumia, polo que el se presenta, ou Sanxenxo. Así, lamenta que non tivese a "valentía" de ter reformado a lei electoral.
Louzán referiuse este mércores a distintos escenarios postelectorais que están a debuxar os pactos municipais na provincia, como Ribadumia onde un acordo entre os Independentes, Somos Ribadumia e o PSOE, deixará o PP fóra da alcaldía. Isto tamén implica que el quedará fóra do goberno do seu municipio. Louzán non aclarou, pola súa banda, se continuará como concelleiro na oposición se o PP perde a alcaldía. "Iremos decidindo no seu momento como é a situación de cada un", manifestou.
No caso de Sanxenxo expresou o seu "desexo" de que "exista un entendemento" entre os independentes de SAL e o Partido Popular "para que frutifique un acordo". "Debemos seguir falando e niso estamos traballando", abundou.
Para Louzán, o "culpable" destas situacións é o propio Partido Popular, pola súa "falta de valentía política" ao non adoptar "as decisións que debería ter tomado", en referencia a unha reforma da Lei Electoral que permitira gobernar directamente á lista máis votada.