Louzán acusa o PSdeG-PSOE de "intentar desprestixiar" cun "caso pechado" como a obra de Pasarón

Pontevedra
17 de xaneiro 2014

En relación coa posible responsabilidade do presidente provincial no sobrecoste, o aludido incidiu en que "eu non o firmei, os que o asinaron foron os técnicos" e que "eu non son técnico". Esta ausencia de responsabilidade aplícaa tamén a Lores: "nin o alcalde de Pontevedra nin eu puidemos facer algo sen o aval dos técnicos"

Estadio de fútbol de Pasarón
Estadio de fútbol de Pasarón / Mónica Patxot

As últimas declaracións do secretario provincial de PSdeG-PSOE en Pontevedra, Santos Héctor, nas que critica a "gestión alegal" das obras de reforma do estadio de fútbol de Pasarón son, en opinión do presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, un "intento de desprestixiar".

Louzán recorda a Santos Héctor que "hai un ano e sete días" deu por pechado o convenio que permitiu executar a reforma do estadio ao "firmar definitivamente" co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de modo que "non hai caso" malia que os socialistas seguen cuestionando o sobrecoste da obra.

"O PSOE o que quere é enredar", sinala Louzán e fai referencia a unhas declaracións do edil de Ordenación do Territorio de Pontevedra, César Mosquera, nas que se desvincula das críticas dos socialistas.

En relación coa posible responsabilidade do presidente provincial no sobrecoste, o aludido incidiu en que "eu non o firmei, os que o asinaron foron os técnicos" e que "eu non son técnico". Esta ausencia de responsabilidade aplícaa tamén a Lores: "nin o alcalde de Pontevedra nin eu puidemos facer algo sen o aval dos técnicos".

Engade que o proxecto non o redactou a Deputación, senón que "fíxoo o Concello e a Xunta" e que todos os pasos que se deron nesta actuación estiveron controlados por unha comisión de seguimento na que tamén "estaba o PSOE".

En relación con Pasarón, o presidente provincial cre ademais que o desfase presupostario da obra non preocupa aos veciños, senón que o que realmente lles pesa é que os arredores do estadio están nun "estado lamentable" e "aquilo é un lodazal", unha situación da que responsabiliza ao Concello de Pontevedra e para a que pide solucións.

A mala situación da zona vese acrecentada dende que o Concello habilitou nun lateral un aparcadoiro disuasorio, do que Louzán di que é "un aparcamento acuático" que vai obrigar a que o próximo domingo, cando o Pontevedra CF juege en Pasarón, "imos a ter que ir ao campo con botas".