Louzán abre unha negociación para adxudicar o servizo das Pousadas do Salnés ante as críticas do PSOE

Pontevedra
28 de febreiro 2014

Ningunha das tres empresas que se presentaron ao concurso cumpre coa condición de ofrecer tres millóns de aval para xestionar as Pousadas do Salnés e a Xunta de goberno da Deputación decide abrir un novo prazo para levar a cabo un proceso negociado no que se poidan presentar outras empresas

Pleno de febreiro da Deputación Provincial
Pleno de febreiro da Deputación Provincial /

A Xunta de Goberno de la Deputación decidiu abrir un procedemento de negociación para poñer en marcha o servizo de xestión das Pousadas do Salnés despois de que a mesa de contratación comprobase que ningunha das tres empresas que se presentou ao concurso cumpría coa solvencia económica que se solicitaba nas bases.

O presidente provincial, Rafael Louzán, indicou que as tres empresas que optaban, a catalá STC, Serveis Turistics; a canaria que opera en Galicia Mar Costas e a cambadesa Millán Servicios, non achegaban a solvencia económica que se requiría de tres millóns de euros.

Segundo explicou o presidente da Deputación "empresa que xestionara a concesión tería que pagar un 10% dos beneficios á Deputación pero a solvencia que se lle esixía era de tres millóns de euros e iso non é fácil para ningún grupo pequeno ou mediano". Por este motivo, a mesa de contratación decidiu establecer agora un período para iniciar un procedemento negociado tanto con estas tres empresas coma con outras que estaban interesadas no proxecto, segundo sinalou Louzán.

As bases continuarán sendo as mesmas pero, a través do servizo de turismo Rías Baixas, intentarase explicar ás empresas os beneficios deste proxecto e as condicións que se establecen. Neste sentido, Rafael Louzán avanzou que se vai poñer en marcha unha comisión de seguimento que garanta a absoluta transparencia e afirmou que van invitar ás forzas políticas da oposición para que participen neste proceso de adxudicación.

Dende a Deputación Provincial agárdase que no mes de marzo se poida adxudicar este servizo, tal e como expuxo Louzán no pleno.

"ÿ O GAIÁS DE PONTEVEDRA", SEGUNDO O PSOE

Especialmente crítico coa solución formulada para as Pousadas do Salnés foi o deputado do PSdeG-PSOE, José Antonio Cacabelos. Cualificou este proxecto como "o Gaiás da provincia de Pontevedra" e asegura que é unha mostra de como a Deputación de Pontevedra "manexa" o diñeiro público. Neste sentido recordou que nesta "obra faraónica" fronte aos 9 millóns iniciais, se investiron xa 17 millóns.

"Estase a demostrar que é un fracaso de proxecto e de xestión", reiterou Cacabelos, que afirmou que "non ten pés nin cabeza" o feito de que construísen catro hoteis de catro estrelas "para poñelos a disposición dunha empresa privada", nunha bisbarra, ou Salnés, "que ten ben cuberta a súa oferta hoteleira". Os socialistas votaron en contra desta saída negociada ao asegurar que se trata de algo "lamentable e vergoñento".

Por parte do BNG, que se abstivo nesta votación, César Mosquera limitouse a desexalo ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, "que haxa sorte e salga ben". O deputado nacionalista afirmou que "sería unha traxedia" que coas Pousadas do Salnés, despois de tanto diñeiro investido, pasase o mesmo que con outras actuacións "que con cartos públicos quedaron para criar pombas".

Arquivado en