Algo máis de tres millóns de euros. ÿ o orzamento que investirá o Concello de Pontevedra nas nove obras que integran o Plan de Obras Urbanas presentado este martes polo concelleiro de Urbanismo, Antón Louro. Dúas delas, xa coñecidas, son as reformas de Santa Clara e a avenida de Lugo, as actuacións máis ambiciosas que os socialistas teñen en carteira, pero este novo esforzo inversor incluirá outros sete proxectos.
No seu conxunto, sinalou Antón Louro, estas nove actuacións "suporán a transformación, con criterios de calidade, dunha superficie de 25.000 metros cadrados en diferentes áreas da cidade". ÿ, dixo, "sen dúbida a maior actuación de reforma urbana deste mandato" e cualificouna como a "contribución decisiva" do PSdeG-PSOE a un modelo de cidade "ao que vos socialistas contribuímos de forma determinante nos últimos tres mandatos".
As dúas principais actuacións corresponden a Santa Clara e a Avenida de Lugo. Entre ambas investirase uns 2 millóns de euros. Xa están licitadas e serán adxudicadas nos próximos días. A elas sumaranse estas sete novas obras, por importe de 1,16 millóns de euros e que serán financiadas coa modificación de crédito recientemente aprobada. Louro destacou que, en todos os casos, son obras con partidas presupuestarias asignadas e proxectos redactados.
A relación de novas actuacións, cuxas obras comezarán antes de que finalice o verán e espérase que finalicen antes de que acabe este ano, é a seguinte:
- Acondicionamento do espazo peonil de José Adrio Barreiro (popularmente coñecido como a pasarela sobre a vía férrea). ÿ un investimento de 302.000 euros e ten un prazo de execución de catro meses. Incluirá a substitución do monolito na honra dos fusilados o 12 de novembro por un monumento mellor integrado no contorno da rúa.
- Acondicionamento da zona axardinada do Camiño Vello de Castela a carón do Estadio da Xuventude. Ten un orzamento de 240.000 euros e un prazo de execución previsto de dous meses. Contará cunha zona verde de 3.200 metros cadrados que incluirá zonas deportivas e áreas de esparcemento, integrándose con San Antoniño ou Fernando Olmedo.
- Acondicionamento integral da rúa de Leiras Pulpeiro, en Campolongo. Ten un orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de catro meses.
- Acondicionamento integral da rúa de Blanco Porto. Investiranse 242.000 euros e ten un prazo de execución de seis meses. Neste caso renovaranse os servizos, mellorarase a iluminación e estudarase a reforma estética en superficie. Unha segunda fase ampliará esta reforma urbana á rúa Javier Puig.
- Primeira fase do adecentamento en superficie do barrio de Fontesanta, o barrio de vivendas sociais a carón da rúa de Blanco Amor, e ordenación do estacionamento público. O seu orzamento é de 60.000 euros e o seu prazo de actuación é dun mes.
- Pavimentación da avenida de Marqués de Valterra e acondicionamento do estacionamento público (Estribela). Conta cun orzamento de 30.000 euros e un prazo de execución dun mes.
- Mellora da iluminación pública na avenida de Marqués de Valterra (Estribela), que igual que á anterior está incluída na Área de Rehabilitación Integral (ARI) para esa zona. O seu orzamento é de 65.000 euros e o prazo de execución é dun mes.
Segundo Antón Louro, ademais de renovar o aspecto e os servicios de todas estas rúas, con estas "ambiciosas actuacións" contribúese a inxectar cartos na economía local. "De ser posible gustaríanos que todas estas obras as fixeran empresas de Pontevedra", destacou.