Hai apenas 24 horas, Jacobo Moreira lamentaba as discrepancias que están a xurdir no seo do goberno municipal. Delas, o voceiro do PP culpaba especialmente o PSdeG-PSOE, por apoiar no seu día a investidura de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde. "Si no les gusta lo que está haciendo el gobierno, lo más coherente sería abandonarlo", dixo. Unhas declaracións que contestou este martes Antón Louro.
Fíxoo de forma rotunda. O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE recordou que, no seu día, o seu partido entendeu que a Pontevedra "había que darlle un goberno estable por riba de todo"; e por iso, accedeu a pactar co BNG deixando de lado os "intereses de partido". Neste sentido, afirmou que "a luz do que vemos no Partido Popular, ratificámonos na nosa interpretación e na decisión que tomamos".
Explicou como esa "maioría social de progreso" trazou un programa de goberno para catro anos e hai unha serie de cuestións que, pola súa transcendencia, van máis alá desta lexislatura e "obviamente" non foron incluídas neste pacto entre BNG e PSdeG-PSOE. Estas son, di Louro, nas que aprecian "diferenzas sustantivas" entre as dúas formacións que sustentan o bipartito pontevedrés.
Con respecto ás declaracións do voceiro do PP, Antón Louro afirmou que cada vez que realiza declaracións deste tipo "se descubre máis como unha persoa sen principios, con mal estilo político". Engadiu que se trata dun personaxe que "non ten talla para ser alcalde de Pontevedra" e iso explica, dixo, que membros do Partido Popular estean pensando substituílo por outro candidato ou candidata á alcaldía da cidade.
Para finalizar, o edil socialista recomendoulle a Jacobo Moreira que recupere a "sensatez" e o respeto cara aos seus rivais políticos, xa que pola contra, dixo, se converterá nun personaxe "cínico e politicamente irrelevante en Pontevedra".