Louro: "Por fin, felizmente a rúa Santa Clara restableceu o tráfico rodado, era algo que nos obsesionaba"

Pontevedra
17 de febreiro 2015

Coa reforma desta rúa, o concelleiro socialista asegurou que "se recupera o paseo, o espazo de encontro e a centralidade, porque hoxe a rúa Santa Clara está máis integrada no casco histórico", dixo

Reapertura ao tráfico da rúa Santa Clara
Reapertura ao tráfico da rúa Santa Clara / Mónica Patxot

"Por fin, felizmente a rúa Santa Clara restableceu o tráfico rodado, era algo que nos obsesionaba", dixo o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, durante a súa visita ás obras para comprobar a reapertura da rúa para os coches.

A "obsesión" municipal debíase ás consecuencias negativas que este peche supuxo para comerciantes e veciños da zona, como recoñecía o propio Louro. Coa reforma desta rúa, o concelleiro socialista asegurou que "se recupera o paseo, o espazo de encontro e a centralidade, porque hoxe a rúa Santa Clara está máis integrada no casco histórico", dixo.

Para Louro, a partir desta obra "a todas luces, esta rúa vai ser máis comercial do que era" polo que se mostrou plenamente satisfeito co resultado porque "cumprimos cos obxetivos".

Non obstante, ata chegar a este punto fixo falta tempo debido ás complicacións xurdidas nunha obra elaborada en tres fases e con algúns imprevistos "como foi a aparición dos restos arqueolóxicos" do antigo Camiño de Castela que houbo que tratar de xeito singular.

Finalmente Louro subliñou que o investimento "foi ben feita" e felicitou a empresa construtora e os técnicos municipais, ao tempo que agradeceu aos veciños e comerciantes a súa paciencia.

Queda aínda pendente nesta obra a conclusión da praza de José Martí e a instalación do parque infantil e da iluminación. Todo iso rematará nunha marxe dun par de semanas.