O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Antón Louro considera que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñéz Feijóo, antepón o saneamento das rías de Vigo, Arousa, Ferrol e O Burgo ao de Pontevedra e interprétao como "unha burla".
Louro fai esta afirmación a raíz da visita que Feijóo fixo este martes ás obras da nova depuradora de Vigo, na que se comprometeu ao saneamento integral no ano 2016 das outras catro rías, pero "volveu esquecerse de Pontevedra".
"Semella que Feijóo fixo un repaso polo litoral galego e saltou deliberadamente a Ría de Pontevedra", sinala o concelleiro socialista, ao tempo que lembra que a Ría de Pontevedra está declarada zona sensible dende o ano 2001, situación que obriga a un nivel de depuración máis esixente que o aplicable ao resto das rías galegas.
Ademais, lémbralle a Feijóo que a Xunta de Galicia recada máis de dous millóns de euros anuais en concepto de canon de saneamento en Pontevedra e perdóalle este canon á pasteira Ence, o maior consumidor de auga de toda a ría. Ao respecto, pregúntase "onde se invisten os cartos que a Xunta recada na área urbana da principal zona sensible de toda Galicia?".
Louro pide que se inclúa o saneamento integral da Ría de Pontevedra entre as prioridades da Xunta
Na opinión de Louro, resulta "lamentable" que o presidente galego "non dedicara nin un minuto" á necesidade de ampliar ou reconstruír a deficiente depuradora de Praceres, á carencia dunha depuradora no outro lado da ría entre os municipios de Sanxenxo e Poio e ao abandono da rede de saneamento do rural de Pontevedra.
O portavoz socialista esixe un plan de traballo serio para completar as obras de saneamento en Pontevedra, para a solución aos graves problemas de funcionalidade da depuradora de Praceres e para a construción da planta de tratamento pendente na cara norte da ría. Quere que Feijóo inclúa o saneamento integral da Ría de Pontevedra entre as prioridades da Xunta.