O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Antón Louro, reuniuse este martes cun grupo de veciños e comerciantes da rúa Santa Clara. Un encontro valorado positivamente polos afectados pola paralización das obras.
"Polo menos falamos, ainda que estamos defraudados porque non temos datas", indicou Sebastián Filgueira, voceiro veciñal.
Non obstante, Antón Louro trasladou que "confío plenamente en que antes do Nadal isto estea executado, estea resolto, salvo novos imprevistos de arqueoloxía", dixo o concelleiro. "Imos facer todo o esforzo posible para que os veciños podan facer a campaña de Nadal en condicións de normalidade".
Antón Louro explicou que a marcha das obras de Santa Clara se veu desenvolvendo con normalidade ata que apareceron os restos arqueolóxicos, que supostamente corresponden ao lousado do Camiño vello de Castela.
A partir de aí houbo que dar conta a Patrimonio, un procedemento regulado por lei. O acordo ao que se chegou coa Xunta foi de encargar unha escavación completa de todo o ámbito da obra, uns traballos presupostados en 54.000 euros para os que houbo que facer unha modificación de crédito, aprobada en Pleno este luns.
A partir de agora os prazos veñen determinados polo procedemento administrativo "e non polo capricho nin estusiasmo de ninguén". Unha vez que saia publicado no Boletín Oficial da Provincia xa dispoñeranse dos recursos e a empresa poñerase a traballar.
"A axilización de trámites sempre ten unha limitación que é o ordenamento xurídico vixente", precisou Louro "e cando falamos de obra pública máis se cabe" polo tanto "prudencia e cautela", dixo.
O responsable de urbanismo falará coa adxudicataria da obra, Stradia Infraestructuras, empresa anteriormente denominada Eiriña SL, para que adapte na medida do posible o seu plan de reforma para que se siga traballando na Praza José Martí e que se sinalice provisionalmente a obra e se manteña limpo o lugar e se retiren os entullos e restos de terra, para evitar a lama que se produce coa chuvia. Foron dúas das peticións dos propios comerciantes.
Así mesmo Louro falará coa concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, para tratar de resolver outra das queixas dos comerciantes: o aparcadoiro indiscriminado dalgúns vehículos ante as portas dos establecementos. Ao habilitarse unha plataforma única no tramo da rúa xa reformado eliminouse a barreira que formaban as beirarrúas e, segundo estes veciños, algúns coches estacionan moi pegados os edificios.
Ademais criticaron a imposición de multas por parte da Policía Local por colocar macetas á entrada das tendas. Louro pedirá "un pouco de flexibilidade" aos axentes municipais mentres duren as obras.