Lourizán convoca a toda a veciñanza a unha "marcha pola dignidade" contra a ampliación da depuradora

Pontevedra
30 de abril 2019

A plataforma veciñal de Lourizán convoca para o próximo sábado 4 de maio a 'I Marcha da Dignidade', un itinerario simbólico que levará o lema "Recuperemos o noso paraíso roubado". Reivindica a necesidade de "poñer fin a tantas barbaridades" que se levan feito durante décadas e empezar a reverter a situación 

"Camposanto da dignidade" contra a ampliación da EDAR dos Praceres
"Camposanto da dignidade" contra a ampliación da EDAR dos Praceres / Diego Torrado

A plataforma veciñal de Lourizán convoca para o próximo sábado 4 de maio a 'I Marcha da Dignidade', un  itinerario simbólico que partirá da praza dos Praceres e rematará no Pazo de Lourizán para pedir a recuperación da súa parroquia e manifestar o seu rexeitamento á ampliación da estación depuradora que proxecta a Xunta de Galicia.

A marcha levará o lema "Recuperemos o noso paraíso roubado" e está prevista para as 17.00 horas. O percorrido será, segundo a información facilitada pola plataforma veciñal, pola estrada vella de Marín. 

O itinerario será polo que a plataforma deu en chamar "camiño das tropelías". Partirá de Praceres por ser a "zona cero" da degradación do litoral galego e o epicentro das últimas agresións á parroquia (a depuradora e o tren ao porto) e rematará no Pazo de Montero Ríos, que representa "a época de esplendor de Lourizán, cando era unha meca política e un núcleo turístico de primeira orde".

A marcha reivindica a necesidade de "poñer fin a tantas barbaridades" que se levan feito durante décadas e empezar a reverter a situación, fronte ás intencións da Xunta de Galicia de "afundir aínda máis a parroquia cos seus plans de ampliación da depuradora".

A Xunta de Galicia centra as súas críticas, pois tamén denuncian que o goberno autonómico do PP só traballa en Lourizán "para afondar na súa degradación", mentres "deixou caer a cachos o Pazo durante anos", cando era a responsable do seu mantemento, para despois intentar "regalarllo" a unha empresa privada, en alusión a Ence.

A plataforma anima a toda a veciñanza a participar na marcha para reivindicar xuntos que "a dignidade da Lourizán non ten prezo e non se vende" e fan un chamamento a toda a cidadanía da comarca para que expresen o seu apoio ás reivindicacións da plataforma veciñal e a recuperación de Lourizán.