As análises realizadas por Sanidade ás augas das zonas de baño de Pontevedra, que cualifican de excelente a calidade da práctica totalidade da ría, demostran segundo a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres que a Xunta de Galicia está a "chantaxear" á opinión pública alertando dun posible peche do marisqueo.
É unha estratexia, sinalan, para xustificar a ampliación da depuradora. Entenden que o goberno galego debería explicar esta "disparidade de criterios" coas análises de Augas de Galicia e acusan á Xunta de estar "dispostos a mentir, ameazar e usar falsos argumentos".
Neste feito inclúen tamén as posibles multas da Unión Europea polo saneamento da ría de Pontevedra, xa que a plataforma asegura que é o organismo autonómico o competente nesta materia "e tivo moitos anos para solucionar este problema", sen que buscaran alternativas encamiñadas a un saneamento "sustentable".
En lugar diso, engaden, "agora éntranlle as présas nunha fuxida cara adiante" cando, descartada a ampliación ata 2023, as melloras na actual EDAR "deberan ser suficientes para solucionar a curto prazo o saneamento e evitar as multas".
A plataforma entende que a solución pasa "necesariamente" por tratar as augas residuais en orixe, en cada concello, en lugar de entubalas a través de toda a ría cara un único punto, buscar alternativas á actual EDAR, asegurar a separación das augas pluviais e a eliminación da auga de mar ou separar as augas residuais industriais das domésticas.
A iso suman facer máis depuradoras de menor tamaño, como se fixo nas outras rías.