Foi no ano 1970 cando Magín Alfredo Froiz faise co traspaso do pequeno supermercado situado na rúa Cobián Roffignac de Pontevedra onde desde 1968 tiña instalado o seu posto de venda de carne. Tres anos despois, en 1973, unha novísima Lourdes Veiga García, con apenas 14 anos, incorporábase ao equipo do primeiro supermercado Froiz.
Pasados 49 anos desde o seu primeiro contrato, unha xa veterana Lourdes recibía o abrazo das súas compañeiras e compañeiros no día da súa xubilación. "Cumpro 65 anos en outubro pero xa decidín prolongar as vacacións ata a xubilación", declaraba ante os medios de comunicación que acudimos cómplices á sorpresa que os seus compañeiros quixeron darlle.
Non faltou unha chiscadela aos compañeiros que xa se xubilaron e cos que iniciou a súa traxectoria profesional: Medina Civeira, Esperanza Otero, Dolores Lamas, Lita Berjano, Manuel Fontán, José Manuel Froiz, Regina Seoane e Manuela Nantes.
Polos diferentes corredores do Hiper Froiz, que ocupa nunha parte o supermercado inicial, Lourdes íase fotografando con todo o persoal, entre risas, confidencias e moito agarimo. "Somos como unha gran familia", admitía, á vez que non podía evitar un recordo afectuoso ao fundador do Grupo Froiz, falecido o pasado mes de marzo.
"O señor Froiz para min foi como un mestre, un gran xefe, e daquela -referíndose á etapa inicial do supermercado de Cobián Roffignac- un compañeiro de traballo. Como xefe, marabilloso, preocupábase moito dos empregados, a primeiros de mes primeiro pagaba aos empregados e despois o resto".
Da relación con "o xefe", como cariñosamente lle chamaban, Lourdes lembra cun sorriso que Magín Alfredo quedaba admirado ao comprobar como ela recitaba o prezo de venda exacto das 2.000 referencias que había en droguería.
Lourdes empezou en froitería pero pronto se incorporou a Perfumería, que era como denominaban á zona de produtos de droguería e cosmética. Na memoria da numerosa clientela continúa a imaxe dunha mociña delgada e riseira ("manteño a mesma talla de uniforme", confirma entre risas) que tras o pequeno mostrador repleto de produtos atendía e daba consellos sobre cremas, limpadores ou o que se terciase. "Daquela a marca que máis se vendía era Nivea".
O supermercado matriz, de 300 metros cadrados, estivo a funcionar durante 33 anos, ata que en 2003 se reformou integralmente para converterse nun hipermercado urbano Hiper Froiz de máis de 4.000 metros cadrados. Nese momento, Lourdes pasou a desempeñar tarefas de repoñedora, un labor que tamén realizaba cando se encargaba da zona específica de droguería, cando todos os traballadores participaban tamén das descargas de produtos.
Se tivese que resumir nunha palabra o seu paso por Supermercados Froiz, Lourdes destaca por enriba de todo o "compañeirismo". E isto fíxose patente nas traballadoras que interromperon as súas vacacións para despedila como se merece. Non en balde, Lourdes ten a honra de formar parte do primeiro equipo dun grupo de supermercados que ao peche de 2021 xa alcanzaba os 258 puntos de venda e os 6.150 empregados.
Tras 49 anos de vida laboral, Lourdes confesa que continuará en activo doutra forma, con deporte, andando moito, facendo arranxos en casa e con dous compromisos ineludibles: os seus dous netos e un café coas compañeiras e amigas, a partir deste intre sen horarios e sen présas.
"Dáme pena e emociónome, pero en canto saia pola porta xa terei a mente fixada noutra cousa". Toda unha filosofía de vida.