Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, acudía este luns 24 ao Centro Penitenciario da Lama, dentro das reunións que mantén con servizos do Estado na provincia.
Durante a visita quixo destacar a capacidade de traballo do persoal da prisión, tanto na atención como na integración da poboación reclusa.
Tamén subliñaba os altos niveis de seguridade que ofrece este recinto e que se manteñen por riba das cifras media doutros "centros tipo" de España.
Losada accedía a un dos módulos, ademais de percorrer patios, cociña, panadería, lavandería, torre de control, talleres e o resto das dependencias das instalacións.
Actualmente, o Centro Penitenciario conta con preto de mil persoas internas. O subdelegado alabou o traballo que se realiza na reinserción e rehabilitación destas persoas.
O subdelegado do Goberno incidía no apoio que desde a administración central se quere trasladar os cincocentros traballadores que realizan funcións tanto na prisión da Lama como no Centro de Integracións Sociais (CIS), situado en Vigo.
Ademais, Losada participaba na inauguración do curso de verán que se imparte pola UNED nas instalacións da prisión baixo o título de 'Dereitos (e deberes?) nun mundo en caos'.
Un grupo interdisciplinar formado por educadores sociais, xuristas e filósofos imparten este curso dirixido a internos. Analizan os riscos e vantaxes da intelixencia artificial; o dereito a unha vivenda digna; a liberdade de expresión ou dereitos ambientais, entre outros temas.
Este martes, 25 de xuño, de 9.30 a 11.30 horas será a quenda de Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra, quen analizará na súa intervención o tema de "O dereito a unha vivenda digna". Pola súa parte, o maxistrado Joaquín Braga Camazano tratará as "Novas tecnoloxías e dereitos. Vantaxes e riscos da intelixencia artificial", dentro deste curso da UNED.
Teresa Delgado, directora do Centro Penitenciario, acompañou o subdelegado durante o percorrido polas instalacións ao igual que o subdirector de Seguridade e das subdirectoras de xestión e Tratamento. María Isabel Alonso, secretaria xeral da Subdelegación, tamén acudía a este acto.