Un Loro Ravachol cinematográfico e 'Feroz'

Pontevedra
03 de marzo 2025
Actualizado: 20:49

O cine é a temática elixida para vestir este ano o popular símbolo do Entroido pontevedrés, coincidindo coa celebración na cidade durante 2025 e 2026 dos Premios Feroz

Presentación do Ravachol 2025
Presentación do Ravachol 2025 / Mónica Patxot

A Irmandade do Ravachol desvelou este luns un dos maiores misterios do Entroido, a vestimenta que lucirá estes días o popular Loro Ravachol.

Unha vestimenta que é toda unha homenaxe á sétima arte e a unha Pontevedra cinematográfica e 'Feroz', como os premios que en 2025 e 2026 se entregan na Boa Vila.

"Tan guapa mantemos a nosa vila que mesmo ven xente para falaren de cinema, entregaren premios cinematrográficos, rodaren películas... Cine, meu amiguiño, cine", sinalaba o discurso elaborado para a ocasión por Álvaro Lago.

"Que nos dure a FEROZ alegría, Ravachol da nosa entraña. Que para nós veña un entroido alegre, de amor, paparotes e diversión", apuntaba o texto.

Foron moitas as persoas que se achegaron até a Praza da Peregrina para coñecer o tema escollido este ano polo símbolo do Entroido de Pontevedra, xunto á recreación da Botica de Perfecto Feijoo.

Por desgraza a divertida vestimenta de director de cine de Ravachol só durará uns días, e é que está previsto que o simpático animal faleza o vindeiro sábado 8 de marzo tras tantas xornadas de festa incansable na cidade.

O seu velorio quedará establecido a partir das 18.00 horas na Praza da Verdura, rogándose asistencia de rigoroso loito.

Tres horas despois, ás 21.00 horas, partirá un cortexo fúnebre desde a Verdura cun séquito for mado polas comparsas  Las Flores del Carnaval, Os 100Tolos, Os Paparrulos e Os Solfamidas, xunto aos grupos Vamos a todo e Os Alegres.

Percorrerán as rúas San Román, Ferraría, paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento e Pasantaría para finalizar o seu percorrido na Praza da Ferrería, onde se procederá á incineración de tan querido papagaio.