A posible saída de Alberto Núñez Feijóo do goberno galego, para facerse cargo das rendas do PP a nivel nacional, foi un dos temas recorrentes en Pontevedra este xoves. Un dos que se pronunciou foi o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
A preguntas dos xornalistas, Fernández Lores sinalou que Núñez Feijóo "non estaba respondendo" ás necesidades que ten Galicia, xa que asegura que está "esgotado" e lidera un goberno ao que o rexedor ve "un pouco desvaído".
"Creo que a imaxe que ten a nivel do Estado non se corresponde co feito na Xunta", asegurou o alcalde de Pontevedra, que sentencia que "non é certo que sexa un bo xestor".
Galicia, defendeu Lores, ten unhas "potencialidades tremendas" como país "rico" en enerxía eléctrica, cun sector primario "moi potente" e como referencia dentro do turismo nacional, pero denuncia que a xestión de Feijóo na Xunta "non nos permite avanzar".
Ademais, engadiu que o actual presidente deixa unha débeda "bestial", xa que nos doce anos do seu goberno triplicouse o diñeiro que debe Galicia "e iso non é unha boa xestión", xa que tampouco logrou ningunha transferencia para a autonomía en todo este tempo.
Con respecto ao seu posible sucesor, Miguel Anxo Fernández Lores limitouse a sinalar que "non me corresponde a min opinar", aínda que apuntou que a "alternativa" ao liderado de Núñez Feijóo "ten que vir polo BNG e non por un recambio non PP".