O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, e o voceiro do Goberno local, Raimundo González, intentarán este luns 13 a primeira hora evitar que o Ministerio de Facenda venda a súa antiga sede no edificio de San Francisco. Por este motivo reuniranse en Madrid co director xeral de Patrimonio do Estado, Juan Antonio Martínez Menéndez.
Segundo afirma Miguel Anxo Fernández Lores o propósito da reunión é transmitirlle a vontade do Concello en relación co edificio. Pretende que non se descatalogue e que siga mantendo o seu uso público con actividade. A solución que van propoñer ao director xeral de Patrimonio é que esa sede se transfira a outra administración como pode ser a Deputación provincial ou ao propio Concello. Neste sentido, o alcalde mantivo conversacións co presidente da institución provincial, Rafael Louzán, coa idea de seguir dotando ao edificio dun uso público xa que se encontra situado na principal praza da cidade.
Ademais, os representantes do Concello expoñerán a normativa urbanística que pesa sobre o edificio e a historia do inmoble. Segundo Lores "deben ser coñecedores dá tramitación complexa que suporía descatalogalo". Actualmente, o inmoble figura como equipamento e, de ser clasificado como residencial por exemplo paraconverterse nun hotel, sería necesario buscar zonas verdes, espazos públicos e aparcadoiros no ámbito que, segundo o alcalde, "é amplo, pero que resultaría bastante complicado de compensar dende un punto de vista urbanístico".