Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os seis millóns de euros que Alfonso Rueda prometeu investir na rehabilitación de Santa Clara é un investimento un "pouco pobre" para unha actuación destas características.
Fernández Lores sinalou que a Xunta debe implicarse máis "pola importancia de Santa Clara e o Museo de Pontevedra" e, a este respecto, o BNG na campaña das últimas eleccións municipais defendía que ese compromiso ascendese aos dez millóns.
O rexedor criticou ademais a "falta de delicadeza" demostrada pola Deputación de Pontevedra e pola Xunta de Galicia ao non convidar ao Concello á firma do acordo para a rehabilitación do antigo convento.
Lembrou Lores que foi a administración municipal a que impulsou a adquisición de Santa Clara e, tras comprar o convento, cedeullo á Deputación para ampliar o Museo, polo que considera que "o normal sería que houbera unha relación de lealdade institucional".
Ademais, o alcalde volveu a lamentar que o goberno provincial "tardase tanto tempo" en tomar unha decisión sobre este proxecto, sobre todo despois de que se fixo un "esforzo importante" para convocar o concurso e os trámites estivesen "moi avanzados".
O anuncio deste acordo en plena precampaña electoral tamén foi censurado por Fernández Lores, ao entender que "tiveron seis meses para facelo", no canto de esperar a que se convocasen os comicios galegos, previstos para o próximo 18 de febreiro.
EXPLICACIÓNS DA DEPUTACIÓN
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López contestou á reacción do alcalde lembrando que "Santa Clara é unha instalación da Deputación de Pontevedra" e que o acto deste venres co presidente Alfonso Rueda prodúcese "no marco dun convenio entre Xunta e Deputación, como era este o caso, pois están as partes que participan na rehabilitación do convento de Santa Clara".
Luis López destacou "a aportación tan importante que hoxe nos traslada aquí o presidente Rueda". Esta aportación da Xunta é de 6 millónes de euros que están incluidos dentro desa cifra de 23 millóns que o goberno provincial estima que custará a reforma do antigo cenobio.
É unha cifra que, según explicou Luis López "vai ser curta", pero se sitúa como "un punto de partida" para comezar a traballar. De feito, o presidente da Deputación lembrou que "nós xa tamén fixamos as consignacións orzamentarias necesarias para que a rehabilitación do convento de Santa Clara sexa unha realidad" e engade que "é un tema de colaboración entre administracións e a Xunta xa o ven de demostrar".
Dito esto o presidente da Deputación de Pontevedra afirmou que "espero que por parte doutras administracións, dígase Concello, Goberno central, fagan o mesmo, incluso, a utilización de fondos europeos".