Lores ve "inasumible" o nivel de contaxios e pide estudar "seriamente" un novo confinamento

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

O rexedor de Pontevedra sinalou que "se queira ou non se queira hai que ir a un confinamento", polo que pediu ás autoridades sanitarias que estuden "seriamente" esta posibilidade. "Canto máis tarde se decida peor vai a ser para a economía e para a xente que padece a enfermidade", engadiu

O alcalde de Pontevedra, na xuntanza telemática con Sanidade
O alcalde de Pontevedra, na xuntanza telemática con Sanidade / Concello de Pontevedra

Ante unha terceira vaga que, claramente, xa supera os datos da anterior, desde Pontevedra empezan a intensificarse as voces que solicitan confinar á poboación para reducir un índice de contaxios que parece estar descontrolado.

Así o sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a reunión telemática que mantivo este xoves con responsables de Sanidade.

A cidade ten actualmente 297 casos activos por covid-19, 31 máis que onte. A incidencia acumulada a 14 días subiu ata os 310 casos por cada 100.000 habitantes.

Estes niveis de contaxio, segundo Fernández Lores, "non son de recibo" e fan que a situación sexa "inasumible" e empece a provocar "certo colapso" nos hospitais.

"Hai que tomar decisións", engadiu o alcalde pontevedrés, que entende que a "única forma" de reducir esta incidencia é diminuíndo a mobilidade e realizando confinamentos "selectivos".

O rexedor sinalou que "se queira ou non se queira hai que ir a un confinamento", polo que pediu ás autoridades sanitarias que estuden "seriamente" esta posibilidade.

"Canto máis tarde se decida peor vai a ser para a economía e para a xente que padece a enfermidade", concluíu Lores, que ao mesmo tempo, reclamou que se compense "dignamente" a quen debido a esta situación teñan que cesar a súa actividade.