O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu unha palestra na escola de negocios de Porto, pertencente á Universidade Católica Portuguesa, baixo o título "Educación, inmigración e calidade de vida".
Este é o maior ciclo de conferencias sobre sustentabilidade organizado en Portugal e foi promovido por Jornal de Negócios por quinto ano consecutivo.
O rexedor da cidade conversou co director de contidos e proxectos especiais de Medialivre, Carlos Marçalo, partido da idea ou pregunta base de como vivir mellor nas cidades.
O diálogo entre ambos os dous tivo como protagonistas as distintas políticas postas en marcha na vila pontevedresa ao longo dos últimos 25 anos, e que sempre tiveron como obxectivo poñer as persoas no centro a través da recuperación do espazo público.
O público do auditorio puido coñecer de primeira man as distintas decisións que Fernández Lores e o seu equipo, ao longo dos anos, foron tomando co obxectivo de transformar Pontevedra e convertela nunha referencia en distintos eidos, como pode ser o eido urbano.
"As cidades deben ser estudadas, deben ser coñecidas. É imprescindible para melloralas", subiiñou o alcalde, que recordou que alá polo ano 1999, "tiñamos os deberes feitos xa que queríamos cambiar o paradigma da nosa cidade, cambiar os coches polas persoas".
Lores reiterou que "hai que ser valente nas decisións políticas" para reducir os tráficos innecesarios nas cidades porque "son molestos e xeran problemas de convivencia".
Así, destacou que Pontevedra redescubriu o seu centro histórico "cando quitamos os coches das súas rúas e das súas prazas" e engadiu que a veciñanza "é intelixente e sabe cando o resultado é beneficioso para ela",
O modelo impulsado na Boa Vila, insistiu o alcalde pontevedrés, "é un modelo vivo" que, segundo subliñou, "nunca se acaba" polo que avogou por "seguir estudando e tomando decisións" para lograr que todas as persoas "teñan exactamente a mesma calidade de vida".