Lores, tras as declaracións do comisario: "Hai xente á que lle custa entender que o espazo público é para as persoas"

Pontevedra
03 de outubro 2024

O alcalde respondeu ao xefe policial, que dixo que "ningunha barreira física nin de ningunha outra índole vai impedir que os vehículos da Policía Nacional continúen patrullando absolutamente todas as rúas desta cidade". Asegura que "non creo que haxa problema ningún nin me sentín aludido"

Lores
Lores / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, respondeu este xoves ás declaracións realizadas polo comisario xefe provincial, José Juan Diaz Jiménez, insistindo en que "ningunha barreira física nin de ningunha outra índole vai impedir que os vehículos da Policía Nacional continúen patrullando absolutamente todas as rúas desta cidade"

Aínda que estas declaracións se poden interpretar como unha crítica ao Goberno local no marco da polémica pola instalación de bolardos na rúa Peregrina, Lores quixo fuxir de polémica e restoulles importancia

Lores, presente no acto no que falou o comisario, asegura que non se deu por aludido. "En todo caso, resultoume un pouco sorprendente esa primeira frase", sinala. En alusión a que, xusto despois, o responsable policial indicou que esa tarefa policial de patrullar a cidade "non é en absoluto incompatible co modelo de cidade que se desenvolveu en Pontevedra".

​"Quedou aclarado coa explicación posterior. Non creo que haxa problema ningún nin me sentín aludido", insistiu o alcalde a preguntas dos medios de comunicación. 

Nesa aclaración posterior, o comisario defendeu o modelo de cidade "humanizado" e lembrou que "foi premiado en diversas ocasións" e que sobre el "interesáronse cidades tanto do noso país como do estranxeiro" .

Aínda que restou importancia á posible polémica, Lores contextualizou estas afirmacións en que "hai xente á que lle custa entender que o espazo público é para as persoas" . Así, para o rexedor, "pode haber algunha xente que non se acabe de enterar de que nós temos unha filosofía totalmente distinta á doutras cidades, para nós a prioridade son as persoas".

Quixo aclarar tamén que "esta é unha cidade á que podes chegar co coche a absolutamente todos os sitios; outra cousa é que se poida cruzar por onde che dea a gana, pero das unha voltiña e chegas a todos os sitios".

Ademais, aproveitou para defender eses bolardos da rúa Peregrina. Lembrou que é responsabilidade do alcalde e do Concello favorecer os circuítos peonís e "cando notamos un número excesivo de vehículos que dificulta ese tráfico peonil, se toman medidas".

Eses bolardos extraíbles, para Lores, eran unha medida "necesaria" e "está funcionando perfectamente"