As palabras desde o patio de butacas de axentes da Policía Local, que volvían mostrar a súa postura contraria ao grupo de goberno por non establecer unha mesa de negociación para tratar a súa situación laboral, provocaba que o alcalde nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores suspendese en dúas ocasións a sesión plenaria durante este martes 11.
O primeiro parón producíase minutos despois de iniciarse o pleno e de que Gerardo Pérez Puga tomara posesión do seu posto de concelleiro no grupo municipal do Partido Popular, ocupando a vacante deixada entre os populares por Jacobo Moreira. Tamén este pleno de setembro converteuse no primeiro en que Rafa Domínguez exerce como portavoz municipal do grupo do PP durante a sesión.
Precisamente os populares lograban o apoio por unanimidade da corporación á súa proposición sobre transporte urbano. Domínguez pregúntase se "¿alguien puede estar de acuerdo con el transporte público en la ciudad? Yo no" e reprochaba que o alcalde non acudira a unha reunión convocada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para tratar a elaboración dun Plan de Transporte Metropolitano cos responsables dos municipios próximos.
O concelleiro responsable da área, Demetrio Gómez, indicou que a moción contaba con inexactitudes e que, cando o PP, cualifica o transporte público en Pontevedra de "pouca calidade" está a culpar á Xunta.
O concelleiro do BNG fixo varias referencias á necesidade de negociar, palabras que provocaron expresións no patio de butacas onde se atopaban os representantes da Policía Local, que ironizaban sobre esa "negociación" que eles consideran inexistente por parte do goberno local na súa problemática. Demetrio Gómez mostrou ao portavoz do PP unha carta remitida polo alcalde á conselleira de Infraestruturas sobre este tema. Finalmente, o punto aprobouse co apoio de todos os grupos, incluído o BNG ao considerar que "están a favor de negociar".
A proposición do grupo do PSOE sobre a elaboración dun plan de impulso de activación ao comercio local tamén contou co apoio unánime dos 23 concelleiros presentes na sesión, ao faltar o popular Tomás Abeigón por motivos persoais e o nacionalista Luís Bará, que asistía á sesión no Parlamento de Galicia.
Foi rexeitada a moción de Marea Pontevedra reclamando a mellora dos dispositivos de seguridade e control viario en eventos que se desenvolvan na cidade, principalmente de tipo deportivo.
O portavoz deste grupo, Luís Rei, mostrou o seu descontento por parte da veciñanza derivada do peche de 23 prazas e rúas durante a celebración do campionato de España de tríatlon. Lamentou a perda económica que sufriron os ambulantes que ese día non puideron celebrar o Mercado na rúa Enxeñeiro Rafael Areses. Unha situación similar describiu o concelleiro popular José Luis Marín ante os problemas ocasionados a varios concellos polo corte da N-550 con motivo da proba.
Anxos Riveiro, concelleira de Deportes, describiu estas críticas como propias dunha "sección de cotilleo" e afirmou que Pontevedra é unha cidade de referencia internacional na organización de eventos deportivos. A moción foi rexeitada cos votos en contra do BNG e a abstención do PSOE.
SEGUNDA SUSPENSIÓN
O alcalde volveu suspender o pleno durante dez minutos cando na intervención de Anxos Riveiro na que fixo referencia aos esforzos realizados por persoal municipal, os axentes volveron realizar comentarios sinalando que "a sorte é que non pasou nada" durante a proba.
Fernández Lores pediu aos catro axentes que estaban de servizo seguindo o pleno que tomasen nota das persoas que estaban a interromper o pleno. Nese momento, os axentes que portaban a pancarta 'Loitamos polo que é xusto' abandonaban o Teatro Principal. Continúan queixándose de que o concelleiro de Persoal, Vicente Legísima, non lles convocou a unha mesa de negociación.
O pleno apoiou por unanimidade a proposta da representante de Cidadáns, María Rey, en apoio ás reivindicacións da Asociación QuerEndo, de mulleres afectadas pola endometriose, unha enfermidade que afecta a 60.000 mulleres en Galicia. Tamén se aprobou por todos os grupos a outra moción de Cidadáns na que se solicitaba a instalación de minipuntos limpos en barrios e parroquias de Pontevedra.
A proposta do Partido Popular para crear un parque canino tamén contou cun apoio da maioría, con só a abstención dos dous concelleiros de Marea Pontevedra. O PSOE tamén presentaba unha moción para a creación dun refuxio de animais que poida dar cabida, ademais da cans e gatos a outros animais que se atopan na área municipal. A concelleira socialista Paloma Castro indicaba que colectivos como Difusión Felina levan recollidos 20 gatos nas últimas semanas e non atopan a fórmula para xestionar a presenza destes animais. A iniciativa aprobouse coa abstención de Marea Pontevedra.
Precisamente, Marea Pontevedra solicitou a reprobación da concelleira Anxos Riveiro polo atraso na posta en marcha da renda social municipal, un punto que acordara esta agrupación co goberno do BNG para a aprobación tanto do orzamento de 2017 como o deste ano. A concelleira Carmen Moreira indicou que en Pontevedra hai máis de 17.000 persoas en situación de pobreza e que un ano e nove meses despois de acordar poñer en marcha esta medida aínda non se presentou a ordenanza.
Tino Fernández, portavoz do PSOE, criticou que este acordo entre dúas agrupacións debatérase en pleno mentres que Rafa Domínguez, portavoz popular, rexeitou o seu apoio a esta moción porque, indicou, "el PP no está aquí para reprobar ni para insultar a nadie" e adiantou que "cuando sea alcalde de Pontevedra" retirará a declaración de "persoa non grata" que se realizou ao anterior presidente do Goberno, Mariano Rajoy.
Pola súa banda, o concelleiro do BNG César Mosquera culpou a Marea de non aceptar unha fórmula distinta á ordenanza para sacar adiante a renda social e manifestou que o grupo de goberno mantén o compromiso de cumprir este acordo de axuda ás persoas en situación de risco. A concelleira de Marea Pontevedra respondeulle que "o único que falta para aprobalo é vontade de executalo". O punto foi rexeitado cos votos en contra do BNG e do PP, a abstención de PSOE e Cidadáns, e co único apoio de Marea Pontevedra.
O pleno rematou cunha mención de benvida ao novo concelleiro e coa felicitación ao deportista Óscar Graña, gañador do mundial de piragüismo maratón.