Lores, sobre o pacto ambiental de Ence e a Xunta: "A min non me van convencer con abalorios"

Pontevedra
29 de xuño 2016

O alcalde lembra que o Concello de Pontevedra sempre foi claro e "nós queremos recuperar a Ría", de modo que "a min non non me vale ningún pacto ambiental, non me vale ningunha teórica inversión produtiva, improdutiva nin nada". Tino Fernández cre que con este pacto que "se está tentando maquillar un problema que existe en Pontevedra" e a empresa "habilmente tenta sumar vontades a cambio de cartos"

Ence e a Xunta asinan o Pacto ambiental
Ence e a Xunta asinan o Pacto ambiental / Mónica Patxot

O pacto ambiental asinado este martes entre a Xunta de Galicia e a empresa Ence en función do que a pasteira se compromete a investir 193 millóns de euros na comarca de Pontevedra nos proóximos catro anos, non convence nin ao alclade, Miguel Anxo Fernández Lores, nin ao portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández. Ambos os dous lanzan a advertencia de que seguirán loitando polo traslado da factoría de Lourizán a pesar da recente prórroga de 60 anos. 

Lores lembra que o Concello de Pontevedra, desde que el é alcalde, foi claro e "nós queremos recuperar a Ría", de modo que "a min non me vale ningún pacto ambiental, non me vale ningunha teórica inversión produtiva, improdutiva nin nada". A pesar da prórroga, seguirán loitando con todos os mecanismos legais posibles e leste mesmo venres 1 de xullo levarán ao Pleno da Corporación o recurso contra a prórroga.  

"Eles seguen coa súa teima e nós seguiremos coa nosa. A min non me van convencer con abalorios", indicou Lores, para engadir que a época dos abelorios foi no século XV, cando os conquistadores españois e portugueses chegaron a América e levaban estes adornos aos nativos. El segue apostando polo traslado, pois "hai sitio de sobra para facelo, hai administracións competentes para facelo". 

Considera Lores que este pacto é "un intento de comprar vontades e de convencer ás administracions", unha interpretación na que coincide con xeito Fernández. O socialista indica que, sen coñecer os detalles do pacto, parécelle que "se está intentando maquillar un problema que existe en Pontevedra" e a empresa "habilmente tenta sumar vontades a cambio de cartos".

Do mesmo xeito que Lores, Fernández insiste en que o PSOE non se moverá da súa posición a favor do traslado, pois considera que hai un marco de xogo suficiente para que a empresa inicie un proceso de negociación e esa debe ser a folla de ruta que guíe tanto ao Concello de Pontevedra como ao resto de institucións. Desde esa postura, cre que o pacto ambiental é "unha representación na que non imos participar".

Arquivado en