Pontevedra está este martes moi pendente da Audiencia Nacional, onde se delibera sobre os recursos presentados polo Concello, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) contra a prórroga á concesión da empresa Ence para permanecer en Lourizán. O resultado das deliberacións non se coñecerá, segundo indicaron fontes xudiciais, ata dentro de varios días, posiblemente unha ou dúas semanas, pero o tema si está de plena actualidade e sobre el falou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O rexedor reiterou que o posicionamento do Concello é "histórico" polo menos desde que a súa chegada á Alcaldía e supón "loitar por todas as vías posibles para conseguir recuperar a Ría de Pontevedra". Ese enfoque non cambiará sexa cal sexa o resultado das deliberacións da Audiencia Nacional. "Desde logo, non imos deixar de seguir loitando independentemente do posicionamento desta sentenza ou doutras", asegurou.
Sentadas esas bases, tamén se amosa esperanzado de que a sentenza que diten os maxistrados da Audiencia Nacional sexa favorable aos intereses do Concello, que buscan declarar ilegal a prórroga de ata 75 anos para permanecer na Ría de Pontevedra concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016.
"Hai moitas razóns para pensar que a sentencia vai ser favorable aos posicionamentos do Concello", sinalou a preguntas dos medios de comunicación este martes. Se non fora así, anuncia que "imos seguir loitando" porque entenden que "temos a razón e o dereito, como tiveron outras cidades de todo o mundo e do Estado, a deslocalizar empresas e mellorar a súa calidade de vida".
Lores mantén a súa aposta por buscar alternativas para unha ubicación que "nunca debeu ser na Ría" e considera que "despois de 60 e tantos anos, xa vai sendo hora de que se busquen alternativas".
O alcalde pontevedrés mantén que a prórroga foi ilegal e que os argumentos xurídicos presentados polo Concello son "irrefutables" e "impecables".
Ademais, pon en valor o posicionamento do comité de empresa de Ence, que na reunión celebrada en Madrid dentro da mesa de traballo para estudar o traslado pediu que se mantivera a actividade económica nun sitio viable e, se non é viable que siga na Ría, que se busquen alternativas. "Estou dacordo co comité", insiste, e engade que "o que non é asumible é saltarse a lexislación vixente" e permanecer en Lourizán máis alá de 2033.
En todo caso, si recoñece que en caso de que exista unha clara vontade de traslado, "no nos parece mal" que se dea á empresa "un período transitorio".
Na súa intervención ante os medios, Lores tamén criticou a postura do Partido Popular neste tema, pois cre que significa un agravio comparativo para todos os empresarios e empresas que teñen que buscarse a vida e ubicar as súas industrias en terreos axeitados e mantivo que "quen ten a responsabilidade directa de estar na situación actual é o PP e a Xunta de Galicia" porque "non fixo absolutamente nada para buscar alternativas para a ubicación industrial de Ence".