Ao abordar ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para falar da situación actual sobre o futuro da permanencia da fábrica de Ence en Lourizán pide "centrar" este asunto lembrando que "é unha empresa privada que sabía perfectamente que tiña que buscar unha alternativa para seguir producindo en Galicia e que sabía que non podía seguir producindo na Ría de Pontevedra".
Partindo desa base, o alcalde nacionalista pregunta de quen é a responsabilidade de non buscar unha alternativa para a produción industrial, e el mesmo responde "da propia empresa" e, de maneira secundaria, engade á administración pública competente en materia de Industria, é dicir, a Xunta de Galicia. "Nos temos competencias sobre ou territorio", lembrou.
"Porque imos solucionar e buscarlle alternativa a Ence e non a Ediserpo, ou a Froiz, ou a Carpintería de Alumnio Carsi… é que é alucinante" afirma Fernández Lores. "Esta xente só se preocupa de Ence", engade.
"Eu creo que detrás de todo esto hai un pelotazo", sinala rotundo.
E o explica así, "eles compraron unha empresa que remataba en 2018, pagaron 400 millóns calcularon a amortización e punto, e a partir de aí lle conceden 60 anos máis ilegalmente, porque non se pode. O Abogado do Estado o que di é que non se pode dar unha concesión de máis de 75 anos. Cando a lexislación non é aplicable aos seus intereses, hai que boicoteala. É o que decían os franquistas ‘la ley está hecha para aplicarla a los enemigos’, pois iso non vale. Non se pode enganar á xente", dixo Fernández Lores.
"Cando a lexislación non é aplicable aos seus intereses, hai que boicoteala"
O alcalde de Pontevedra non tolera que a empresa ameace con marcharse se non pode producir na ría de Pontevedra. "Así non se fan as cousas, iso é innegociable, non ten arreglo. Que vou negociar eu. Vostede busque outra alternativa e negocie con quen ten que negociar", sinalou.
De novo sitúa a pelota no tellado da Xunta para subliñar que á administración autonómica compételle a ordenación da industria para que produza nunha localización "onde non faga dano, teña auga e se aproveite racionalmente a producción de eucalipto deste país".
"Eu non me presentei para presidente da Xunta, eu son o alcalde de Pontevedra e no meu programa, desde o ano 1987, está recuperar a ría e o río para usos que son diferentes. Temos sitios a punta pala onde facer unha industria destas características", considerou. "Pero é competencia deles".
"Hai que invertir cartos e estes están a la sopa boba"
"Que pasa, que hai que facer outra industria, hai que invertir cartos e estes están a la sopa boba, que entren ingresos directamente. E logo está a vergonza dos abalorios que dan para comprar vontades, ou sexa, lle perdoamos 6 millóns ao ano do canon da auga e logo resulta que dan tres millóns en prebendas para xustificar que están contaminando a ría… non ten nin pes nin cabeza", dixo o alcalde.
Fernández Lores insiste en que en todas as cidades do mundo están a recuperarse espazos naturais e trasladando as empresas contaminantes.
Finalmente o alcalde de Pontevedra fai unha última consideración sobre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo "el ten algo de cabeza, pero últimamente estáselle indo moito. A min me está decepcionando moito porque di unhas cousas que non está pensando no que tiña que estar pensando que é neste país".