Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o PP está en contra do modelo urbano da cidade "e nunca o aceptou". Por iso é polo que vinculase as críticas de Rafa Domínguez á zona de baixas emisións a un intento de "tapar as súas incongruencias".
"Non imos modificar o que existe agora", asegurou Fernández Lores, que reiterou que os condutores poderán ir "a todos os sitios" incluídos nesta zona de baixas emisións "sempre que sexa necesario", algo que segundo lembrou "funciona xa desde hai tempo".
O rexedor pontevedrés asegurou que "non hai unha rúa nesta cidade na que non se poida entrar a un garaxe ou para facer un reparto", polo que insistiu en que desde o goberno municipal "non imos cobrar a ninguén por entrar en Pontevedra".
A este respecto, engadiu que "se alguén quería cobrar por entrar en Pontevedra era o señor Domínguez" que, segundo Lores, defendía multar aos coches que circulasen sen ecoetiqueta ou, en caso contrario, implantar unha taxa por entrar na cidade.
Pontevedra optou, asegurou o alcalde, por unha zona de baixas emisións "moito máis operativa" que calquera outro método, unha alternativa que foi autorizada polo Goberno "a pesar de que o señor Domínguez dixo que non a ían aprobar".
O método proposto polo PP, engadiu Fernández Lores, "si que tiñacámaras para controlar e multar", mentres que os dispositivos que se instalarán en Pontevedra serán para vixiar os fluxos de tráfico "e seguir traballando na diminución dos que non son necesarios".
"Non é para poñer multas, é para controlar onde van os tráficos e como podemos mellorar o tráfico na cidade sen que contamine o provoque accidentes", sentenciou Lores.
Pontevedra só contempla a posibilidade de sancións "puntuais" en relación a "casos extremos" de condutores que "abusen deste sistema ou non respecten as direccións".
A zona de baixas emisións está baseada na necesidade de evitar os chamados tráficos de axitación e os tráficos de paso "que son os que cruzan a cidade sen para nela", algo que está limitado pola creación de "bucles" que impiden atravesala de lado a lado.