Lores sobre a sentenza de ENCE: "Quen puxo en perigo os postos de traballo foi o cambalache do PP coa empresa buscando mecanismos ilegais"

Pontevedra
19 de xullo 2021

O alcalde de Pontevedra lamentou este luns o tempo perdido pola empresa e a Xunta de Galicia para buscar alternativas a Lourizán para ubicar a fábrica pasteira. Afirma que ata esta sentenza da Audiencia Nacional á empresa non se lle mandara unha mensaxe clara polos gobernos centrais e autonómicos de que tiña que buscar outras opcións fóra da ría de Pontevera

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot
Lores responde ás críticas do persoal de Ence ante a incerteza da fábrica de Lourizán /

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, reiteraba este luns a súa satisfacción pola sentenza da Audiencia Nacional ao considerala "contundente" cando expresa que non había lugar á prórroga concedida a Ence en 2016 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy para permanecer en Lourizán durante 60 anos máis xa que a empresa pasteira non xustificou que a localización na ría pontevedresa "fóra imprescindible para seguir producindo".

O rexedor da capital sinalou que esta consideración debeu de tela en conta o entón presidente Rajoy e tamén Núñez Feijóo, á fronte da Xunta de Galicia, cando asinou un convenio coa empresa "para xustificar que seguise producindo na ría". Fernández Lores cualificou estas accións por parte dos gobernos do PP como "un cambalache, que se demostrou que foi unha fraude de lei".

Neste sentido, lamentou o tempo perdido tanto pola empresa como pola Xunta, responsable de ordenación do territorio e de política industrial na comunidade autónoma, para buscar alternativas "que ten que haber". O máximo representante municipal asegura que non existe dinamismo económico, emprego nin futuro para unha comarca mentres non se respecte o medio ambiente e subliñou que "non hai futuro cando se está agredindo un espazo natural como a ría".

Lores tamén fixo referencia a que a sentenza está baseada na xurisprudencia do Tribunal Supremo sobre o desenvolvemento industrial que se permite en terreos marítimo-terrestres na que se citan actividades que pola súa natureza, con carácter excepcional e restritivo, non poidan situarse noutro lugar, pero non por interese ou a conveniencia da empresa, sinalou o alcalde insistindo en que Ence non xustificou que fose imprescindible a súa localización en Lourizán durante este procedemento xudicial.

O rexedor tamén declaraba que a empresa leva anos utilizando o espazo público que pertence a toda a cidadanía sabendo que en 2018 "se tiña que ir" e que utilizaron influencia política, con cargos do Partido Popular no consello de administración de Ence e a través de lobbys, para tentar modificar a lei de Costas e aprobando a prórroga para manter un "dereito de pernada industrial", asegurou Lores."Non hai ningunha empresa á que se lle autorice a utilizar un terreo marítimo-terrestre como a Ence", engadiu.

Entende tamén que a empresa recorrerá a sentenza e iso daralles unha marxe de manobra para analizar o futuro.  "A primeira intención da empresa é quedarse onde está porque ten uns beneficios obvios: a rebaixa do canon da auga, cerca do porto, utiliza terreos públicos... e todo o mundo di que é unha das mellores pastas do mundo, ten mercado, pero se queren seguir producindo teñen que gastar os seus cartiños e buscar outros sitios", manifestou dirixíndose á dirección da empresa. 

Lores calcula que, poñendo unha media de 50 millóns de beneficio anuais durante 60 anos, a empresa conseguiu 3.000 millóns de beneficios. "Hai marxe, moita marxe para facer unha instalación", insistiu. Ademais, engadiu que para mellorar tecnoloxía punta e ampliar produción, o Ministerio de Transición Ecolóxica comprometeuse a destinar fondos europeos neses apartados para a creación da nova fábrica.  "O que non pode ser é estar exclusivamente a ingresar, ingresar, ingresar, porque iso non pasa en ningunha empresa, que se poñan a traballar e busquen alternativa", sinalou o rexedor lembrando que a empresa leva 60 anos neste espazo cun recheo de 600.000 metros cadrados na ría e que foi condenada por delito ecolóxico porque durante décadas emitiu "a caño libre", aínda que nos últimos tempos mellorase as súas emisións.

"Espero que esta sentenza lles faga recapacitar e tomen o camiño de buscar unha alternativa viable para manter os postos de traballo e a produción", manifestou lembrando que "ata esta  sentenza  non se  lle  mandou  polas  administracións  centrais e autonómica  unha  mensaxe clara" á empresa, que ten que buscar unha alternativa a Lourizán.  "É a primeira mensaxe clara que recibe a empresa", sinala Lores. que recoñece que a entidade pasteira na reunión coa ministra "non negou a posibilidade de estudar outras alternativas" do mesmo xeito que os representantes do persoal a través do comité de empresa da fábrica. 

"DISPARAN MAL"

Lores lembrou a parte dos traballadores de Ence que lle culpan desta sentenza que se "están a equivocar de inimigo" e  "disparan mal porque o alcalde de Pontevedra non é responsable da política industrial nin da política de ordenación do territorio", que corresponde á Xunta, e referiuse á declaración de terreos "supramunicipais" realizada por Manuel Fraga, cando presidía o goberno autonómico, para "saltar as competencias do Concello", unha decisión que aínda está pendente de sentenza xudicial.

Insistiu en que unha parte do persoal da fábrica ten claro que hai que buscar alternativas e asegurou que "quen puxo en perigo os postos de traballo foi o cambalache do Partido Popular coa empresa buscando mecanismos ilegais", que, segundo Lores, agora tanto a Audiencia como o Tribunal Supremo deixan claro na sentenza que "non hai outro camiño que recuperar eses terreos de todos os pontevedreses".

Criticou que tanto Ence como a Xunta mantivesen durante os últimos anos esa afirmación de que non hai outros espazos para o trasalado agás os marítimo-terrestres que agora ocupa a fábrica pasteira. "Menudo papelón. Non é de crer. Teñen que buscalos", concluíu Lores.

Arquivado en