"E que vos vou a dicir que non dixese en vinte anos?", chanceaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre os "vinte anos de éxito" dunha Feira Franca que é "unha festa familiar, unha romaría urbana".
O alcalde presume con orgullo dunha festa "que é unha referencia en toda Galicia" por factores como a súa "rigorosidade histórica e a impresionante participación da xente".
"Esta festa sempre vai a máis", afirmou Lores, que engadiu que a cidadanía "síntea como propia" e tense convertido "nunha seña de identidade da cidade de Pontevedra". Esas son outras das características que singularizan a esta viaxe medieval que emprende a Boa Vila cada mes de setembro.
Nesta edición a Feira Franca trouxo novidades como a participación de embarcacións tradicionais no río Lérez da man de CultulMar, pero para o próximo ano a recuperación da ponte do Burgo potenciará esta faceta coa recreación do peirao medieval e xunto ao proxecto de posta en valor dos restos arqueolóxicos medievais.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, asegura que un dos grandes retos que ten a Feira Franca é "manter o nivel" xa que "este tipo de festas corren o risco de ir dexenerando pola rutina".
Con todo hai sinais que indican que isto non está a ocorrer en Pontevedra, como reflicte o esmero co que este ano ambientaron os seus locais moitos hostaleiros, a innovación nas propostas de moitos particulares ou a gran implicación que demostran a gran maioría dos participantes.