O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou sentirse "traizoado" polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo despois de que a decisión "política" do goberno galego de frear a construción da variante de Alba pola falta de consenso social.
"Estou profundamente sorprendido, decepcionado e síntome traizoado", dixo este venres o alcalde de Pontevedra en rolda de prensa.
Fernández Lores incidiu na "relación de sintonía" que ata o de agora mantiña co presidente autonómico. Por iso o rexedor non entende que o executivo de Núñez Feijóo non lle comunicase "directamente" o seu cambio de postura "e se nos mande a un recadeiro a dar unha noticia negativa", en referencia ao portavoz local do PP que anticipou á prensa a decisión da Xunta. "Iso é absolutamente covarde", dixo Lores.
"Se cambiamos e hai cuestións que xustifiquen falámolo, pero non me mandes a un recadeiro para dar unha noticia", di Lores
O alcalde lembrou que foi a Xunta quen presentou un "deseño durísimo" ao Concello asegurando que era "o único trazado posible" para a variante de Alba e que o goberno local aceptouno como "mal menor" ante os 14 anos de atraso que acumula esta obra tan "necesaria" á vez que esixiu unha serie de modificacións para tratar de "suavizar" o proxecto e "que permita os tráficos peonís e sexa permeable".
"Agora sorpréndenos dunha forma incomprensible coa decisión de que non se vai a facer", insistiu Lores, que engadiu que "esa é unha decisión política que pensamos que xa estaba tomada cando se presentou esa barbaridade de trazado e de deseño".
Fernández Lores tamén desvelou que leva desde este xoves tentando poñerse en contacto con Feijóo e que ao concelleiro de infraestruturas, César Mosquera, "tampouco se lle pon ao teléfono" o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. "Máis claro auga, profunda decepción por este comportamento", valorou.
Para o alcalde da cidade do Lérez, "a conclusión pode ser que volvemos ás andadas e que o Partido Popular non quere facer cousas en Pontevedra, esa é a realidade".
Finalmente o alcalde da capital lembrou á Xunta a súa oferta de asinar un convenio para que sexa o concello quen execute ese vial "e quedarnos con ela coas características que o concello considere" polo que "o presidente sempre pode rectificar ou envainar, como fixo en Verín ou co Hospital Montecelo ou con outras cousas, estamos abertos a esa posibilidade. Pero o demais son escusas de mal pagador".
"Aquí houbo unha ruptura dun compromiso" engadiu Lores. "Se cambiamos e hai cuestións que xustifiquen falámolo, pero non me mandes a un recadeiro para dar unha noticia".
ALFONSO RUEDA
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tamén se referiu este venres ao cambio de postura do goberno galego respecto ao proxecto de variante de Alba e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de investir en Pontevedra "nas obras que sexan necesarias e que xeren un consenso social".
A preguntas dos xornalistas durante un acto en Pontevedra, Rueda asegurou que "nós non renunciamos a ese investimento" pero supedítana a que o Concello "exerza de motor para conseguir ese consenso e poder executar un trazado sen o rexeitamento que ten agora mesmo".