Pontevedra non se fía do paso atrás dado pola Xunta co transvasamento do río Verdugo ao encoro de Eiras para mellorar a subministración de auga de Vigo. Así, o alcalde garantiu este venres que o goberno municipal estará "atento" ao que poida suceder nos próximos días.
Foi tras unha xuntanza que Miguel Anxo Fernández Lores mantivo co portavoz da Plataforma en defensa do río Verdugo (Pladever), Fernando Malvar.
O alcalde manifestou o seu apoio e colaboración na defensa do río Verdugo. Entende que a retirada da urxencia non quere dicir que o proxecto de transvasamento do río Verdugo estea paralizado, e por iso fixo un chamamento a manter a garda alta.
Ademais, Lores reiterou ao representante de Pladever a súa disposición a colaborar en accións divulgativas dirixidas a explicar que suporía o transvasamento, os prexuízos ambientais, económicos e sociais que traería e, polo tanto, as razóns que explican o rexeitamento.
Pola súa banda, Fernando Malvar agradeceulle ao alcalde o seu apoio á loita contra o transvasamento e o soporte público que ten dado a súa loita que, ademais de Ponte Caldelas ou Soutomaior, no caso de Pontevedra, afecta á parroquia de Ponte Sampaio.