Lores recoñece "visións distintas" ás que mantén o PSOE sobre a instalación da feira ambulante na Alameda

Pontevedra
23 de febreiro 2023

A regulación da venda ambulante foi á xunta de portavoces celebrada este xoves e vai debaterse en réxime interior. O alcalde manifestou respecto ao traslado deste mercado á Alameda como anunciou Yoya Blanco, concelleira socialista de Promoción Económica, que non lle parece un tema para afrontar ao final de mandato e lembrou que a proposta ten que ser acordada administrativamente

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot
Lores recoñece "visións distintas" ao PSOE no traslado do mercado ambulante á Alameda /

A regulación da venda ambulante foi á xunta de portavoces celebrada este xoves e debaterase en réxime interior, debido á presenza dalgúns erros tras varias observacións, indicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores este xoves.

Preguntado pola súa opinión en relación á intención da concelleira socialista Yoya Blanco, responsable de Promoción Económica, de trasladar o mercado ambulante á Alameda de Pontevedra, o rexedor afirmou que se trata dun tema que se debateu durante o últimos catro anos e considera que, ao final de mandato, non é o máis "oportuno" facer unha modificación destas características. "Eu deixaríao", apuntou Fernández Lores.

Recoñeceu que Yoya Blanco como responsable de mercados ten dereito a facer propostas, pero Lores insiste en que é necesario que esas propostas sexan acordadas administrativamente. 

O alcalde admitía tamén que "temos visións distintas" respecto ao informe da Policía Local sobre a instalación dos postos no espazo da Alameda e "tampouco vemos unha necesidade imperiosa de facelo", afirmando que existen outras zonas onde se pode albergar: "é unha actuación á que se lle debería dar unha volta". Entende que, malia as obras na zona que ocupa esta feira ambulante, é posible que esta actividade se manteña na contorna do Pazo da Cultura.

"Non está finiquitado o tema desde o meu punto de vista", sinalou Lores indicando que, en todo caso, o procedemento leva un "camiño natural", coa tramitación do expediente e "cando se complete se tomarán as decisións suficientes".

Insistiu en que se aprobou unha ordenanza de mercados agora que non recolle unha localización alternativa fixa. "As ubicacións previstas seguen estando na mesma ordenanza independentemente de que se poida facer un cambio pero o normal sería que se faga dentro desa ordenanza e non se fai", concluíu o rexedor da capital.