O goberno municipal está "empeñado" en mellorar o barrio de Monte Porreiro. Así o asegurou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que promete "escoitar" aos seus residentes e "dentro das nosas posibilidades" ir atendendo ás súas demandas.
Durante unha visita ao barrio, para supervisar os traballos de poda que se están realizando nas árbores da zona, Fernández Lores defendeu que Monte Porreiro ten "potencialidades" que se deben explorar, un proceso "no que queremos ir da man dos veciños".
"Se hai consenso con eles as cousas son máis fáciles e máis efectivas", sostivo o alcalde, que afirma que o Concello está "aberto a todas as posibilidades" para mellorar a calidade urbana do barrio "alí onde se poida", utilizando o diñeiro municipal "razoablemente".
Entre estas posibilidades estaría poder retomar o proxecto de reforma da rúa Alemaña, paralizado no seu día por discrepancias cos veciños, e que o goberno municipal espera acordar coa nova directiva da asociación veciñal do barrio.
Ademais, Lores lembrou que a intención do Concello é impulsar unha "especie de ARI" para Monte Porreiro, con subvencións para a mellora enerxética dunhas vivendas que, na súa gran maioría, foron construídas na década dos anos 80.
A iso, entre outras medidas, apostou por "darlle unha volta" ao centro cultural de Monte Porreiro, impulsando unha serie de actuacións de mantemento, especialmente no tellado, que permita que este equipamento "poida ter máis uso".
Con respecto ás podas, o alcalde defendeu que Monte Porreiro é unha zona "prioritaria" para realizar este tipo de traballos, que se prolongarán ata a próxima primavera, evitando "efectos negativos" que estas árbores poidan causar na cidadanía.
Estes traballos, que forman parte do contrato municipal de xardíns, realizaranse tamén en parques infantís, centros educativos ou zonas naturais de todo o municipio.