A menos de 24 horas do Pleno para constituír a nova corporación municipal, Miguel Anxo Fernández Lores, que será reelixido este sábado como alcalde de Pontevedra, presentou a composición do goberno municipal que o acompañará os próximos catro anos. Haberá poucos cambios nas áreas de xestión porque "o que funciona ben non é convinte cambialo", salvo polas competencias que deixan os edís do PSdeG-PSOE.
O aumento da participación social e a promoción exterior da cidade serán dous dos eixes fundamentais do traballo deste novo goberno, no que terá efecto a situación "novidosa" da Deputación que obriga ao BNG a "encaixar os efectivos municipais porque algún deles terá que dedicarlle máis tempo" á institución provincial. A partir de aí, entraron en xogo as "preferencias" persoais e a "disponibilidade" dos seus concelleiros.
A primeira tenente de alcalde será Carme da Silva que, ademais de manter Festas e Protección Cidadá, asumirá as competencias de Urbanismo, ata agora en mans do socialista Antón Louro. Promoción económica, Turismo e Emprego, que tamén era unha área que xestionou o PSdeG-PSOE os últimos catro anos, pasará a depender de Anabel Gulías, a número 2 da lista do BNG nas pasadas eleccións municipais.
A primeira tenente de alcalde será Carme da Silva que, ademais de manter Festas e Protección Cidadá, asumirá as competencias de Urbanismo
Anxos Riveiro, pola súa banda, seguirá como concelleira de Cultura e recupera a área de Deportes; Raimundo González continuará como voceiro do goberno municipal e mantense como responsable de Economía, Facenda, os servizos de contratación e o ciclo da auga; e Carmen Fouces engade Educación e Universidade ás áreas que xestionaba ata agora, Servizos Sociais, Igualdade e a coordinación dos cemiterios.
Outros dos concelleiros que amplían as súas competencias son Luis Bará que, xunto con Patrimonio Histórico e Mobilidade, coordinará as áreas de Parques e Xardíns -incluídas as praias- e Vivenda; Vicente García Legísima que asumirá a xestión dos mercados municipais e a venda ambulante xunto con Réxime Interior e Persoal; e Pilar Comesaña, que coordinará Sanidade e supervisará a canceira e Sanidade Animal.
O rural, que terá as competencias repartidas por parroquias entre Raimundo González, Alberte Oubiña, Pilar Comesaña e Demetrio Gómez Junquera, estará coordinado por este último, que tamén se mantén como edil de Xuventude; mentres que cede as competencias en Normalización Lingüística a Alberte Oubiña, que xestionará tamén a área de Novas Tecnoloxías.
Esa maior presenza do BNG na Deputación obriga a César Mosquera a reducir a súa presenza no goberno municipal. Seguirá como responsable de Ordenación do Territorio e será que coordine a redacción de proxectos integrais de urbanización e mobilidade urbana e rural, pero deixará de estar presente na Xunta de Goberno municipal, que terá nove membros con voz e voto. Todos salvo Mosquera, Alberte Oubiña e Pilar Comesaña.
César Mosquera deixará de estar presente na Xunta de Goberno municipal, que terá nove membros con voz e voto
Fernández Lores explicou que esta organización podería experimentar "modificacións no futuro" se o BNG alcanza un acordo con algunha outra forza política para integrarse no goberno ou se algún partido acepta a oferta de xestionar algunha das áreas de traballo. Todo iso concretarase a partir da próxima semana, cando os voceiros se reúnan para preparar o pleno de organización e funcionamento municipal.
En todo caso, o alcalde en funcións non quixo confirmar cantos destes concelleiros terán dedicación exclusiva, xa que iso dependerá da negociación co resto de forzas políticas, pero si quixo deixar claro que o posible pacto na Deputación non afectará ás conversacións que se poidan realizar no Concello de Pontevedra porque "somos a forza maioritaria cunha diferenza moi grande coa segunda e non é preciso ese apoio".
Para non perder tempo, segundo Lores, este mesmo sábado ás 13.30 horas celebrarase a sesión constitutiva da nova Xunta de Goberno municipal que terá a súa primeira xuntanza deste mandato o próximo lunes