O BNG de Pontevedra presentará oficialmente a súa candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio, o próximo venres, 22 de marzo, nun acto aberto ao público e programado no auditorio da Afundación a partir das 20.30 horas no que estarán todas as mulleres e homes que acompañarán a Miguel Anxo Fernández Lores na lista coa que pretende revalidar a Alcaldía.
Este sábado foron os candidatos Anabel Gulías (número 2) e Demetrio Gómez (número 4) os que presentaron este acto "ao que convidamos a todos os pontevedreses", asegurou Demetrio Gómez.
Os candidatos explicaron da dificultade de escoller un equipo "coa cantidade de xente que estaba a disposición". Demetrio describiu un equipo "coordinado e cohesionado" para levar adiante o proxecto nacionalista "e sacarlle todos os froitos posibles", dixo.
Anabel Gulías, pola súa banda, asegurou estar "emocionada" por presentar esta candidatura, "o equipo que temos", e indicou que "temos que traballar todos xuntos porque o proxecto e ben fermoso" e engadiu "é un proxecto consolidado pero temos moito que estoupar" e para elo "precisamos o apoio de todas as persoas".
A número 2 da lista indicou que "confiamos no proxecto e estamos totalmente convencidos de que o mellor está por vir en posicionamento internacional; na xestión de residuos urbanos; na eclosión da economía creativa; na defensa dos intereses da cidade".
Apuntou que o BNG en Pontevedra presenta ás vindeiras eleccións municipais "un equipo solvente e traballador e con amor á cidade".