O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou a Feira Franca como a "festa perfecta" porque "xunta a alegría da xente, a historia, a gastronomía, a cohesión social". Gabando as súas virtudes engadiu a faceta do "encontro familiar" e o compoñente "pedagóxico" para o público infantil, polo que desexou "longa vida" a esta celebración " e que siga mellorando".
Outro aliciente da cita é o beneficio económico aínda que "non se sabe a repercusión real" pero remarcou "a actividade que xera" no sector hostaleiro e o seu "atractivo" a nivel turístico pola chegada de "moita xente de fóra" xa que dixo "é un referente para toda a comarca ou media provincia", engadiu o rexedor local, porque "veñen familias enteiras dende todos os concellos".
Miguel Anxo Fernández Lores, vestido co seu traxe medieval foi "nomeando cabaleiros" a numerosos nenos que se lle achegan para fotografarse con el. Coa mirada posta no ceo, e non pola temática astronómica elixida este ano para o evento, o alcalde de Pontevedra afirmou que a Feira Franca transcorre nun ambiente "espléndido" e mostrouse sorprendido polo "traballo impresionante que hai detrás" por parte da cidadanía e os colectivos sociais implicados na organización "esa é unha das cousas que máis me gustan".