Lores pide entrevistarse con Rueda na busca de "novas oportunidades" para Pontevedra

Pontevedra
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Tras a investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia e a toma de posesión do seu novo goberno, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, non quixo perder o tempo e xa solicitou audiencia co titular do executivo galego

Miguel Anxo Fernández Lores e Alfonso Rueda
Miguel Anxo Fernández Lores e Alfonso Rueda / Mónica Patxot

Tras a investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia e a toma de posesión do seu novo goberno, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, non quixo perder o tempo e xa solicitou audiencia co titular do executivo galego.

Nunha misiva que Fernández Lores remitiu este luns, o rexedor transmitiulle a Rueda a felicitación "en nome de toda a veciñanza e da corporación que presido" polo seu nomeamento como presidente da Xunta de Galicia.

"Agardo que esta sexa unha nova xeira e unha nova oportunidade para traballar en conxunto por todos os pontevedreses e pontevedresas", sinala o alcalde de Pontevedra.

Lores aproveita esta carta para pedir un encontro bilateral "cando a axenda das dúas partes o permita" para repasar as actuacións e asuntos pendentes con Pontevedra.

O alcalde sostén que ambas as administracións deben colaborar para mellorar a calidade de vida da cidadanía de Pontevedra "seguindo o camiño da sustentabilidade, da vangarda e da promoción de novas oportunidades que fagan avanzar a Pontevedra".