Dúas novas peticións inclúe o alcalde de Pontevedra na axenda que desexa tratar na súa próxima reunión co presidente da Xunta.
Miguel Anxo Fernández Lores pedirá a Alberto Núñez Feijóo a colaboración do goberno galego para ampliar a senda urbana do río Gafos, recentemente declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL), ata o nó do Marco por detrás da estación de autobuses; e para recuperar o uso público dos terreos que a Xunta ocupa na Xunqueira de Alba.
A iso sumaranse compromisos xa coñecidos que o Concello desexa que reciban un impulso definitivo neste mandato como o Gran Montecelo, a variante de Alba ou a estación intermodal.
Ademais, o alcalde tratará con Núñez Feijóo proxectos como o pavillón da Parda, a dragaxe do río Lérez, a mellora da EDAR, o transporte público ou a construción dunha nova residencia de maiores.
O Concello remitirá un dossier á Xunta de Galicia cos temas para tratar que, segundo o rexedor pontevedrés, estará aberto a calquera outro asunto que redunde no interese dos veciños.
En principio, esta reunión celebrarase dentro da primeira quincena de xullo.