Lores ofrece a Feijóo un convenio pola variante de Alba: "Pagas ti, facémola nós"

Pontevedra
18 de decembro 2019

Seguir o mesmo proceder que se acordou con Fomento, hai máis de catro anos, para executar a avenida Josefina Arruti. É o que propón o Concello de Pontevedra á Xunta de Galicia para desbloquear definitivamente a construción da variante de Alba

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no pleno municipal
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no pleno municipal / Mónica Patxot

Seguir o mesmo proceder que se acordou con Fomento, hai máis de catro anos, para executar a avenida Josefina Arruti. É o que propón o Concello de Pontevedra á Xunta de Galicia para desbloquear definitivamente a construción da variante de Alba.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu este mércores ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que ambas as administracións asinen un convenio para abordar a creación deste vial que conectará a PO-531 e a N-550.

Do mesmo xeito que con Fomento, o goberno municipal expón que a Xunta de Galicia lle transfira os fondos para construír a variante e executar eles mesmos a obra. "Pagas ti, facémola nós", resumiu Fernández Lores, que defendeu que ese modelo funcionou no pasado.

Para iso, o alcalde prometeu que o Concello, chegado ese momento, "iremos ao mínimo gasto posible" porque, a diferenza do proxecto da Xunta, a variante deseñaríase para dous únicos carrís, con criterios de vial urbano e "adaptada ao territorio", similar á recentemente inaugurada Rolda Leste, o que reduciría os custos de expropiación e execución da estrada. 

Lores reiterou que o principal problema coa alternativa da variante elixida pola Xunta "non é o trazado" senón que tiña un deseño "durísimo", que dificultaba a mobilidade na zona, creaba "scalextric" para acceder a determinados núcleos e propoñía "que non houbera" paso algún de peóns e ciclistas.

O rexedor pontevedrés reiterou que o bloqueo da variante non se debe a argumentos técnicos senón políticos, porque o Concello "ofertou todo tipo de alternativas". A este respecto, desvelou que o propio presidente da Xunta deslizoulle a idea, na conversación telefónica que mantiveron o pasado venres, "de que era moi cara".

Iso si, Fernández Lores asegurou que "eu sempre teño esperanza" de que os conflitos políticos se resolvan, aínda que recoñeceu que "me parece mal que o presidente diga unha cousa e despois veña un señor que non pinta nada para enrollar o tema", en alusión ao portavoz do PP na cidade, Rafa Domínguez.

A XUNTA PIDE "COHERENCIA" AO CONCELLO

Fuentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tras coñecer esta proposta, pediron "coherencia" ao Concello e que mostre a súa disposición para "traballar en serio" e con "lealdade institucional" para buscar unha alternativa que "satisfaga a todos".

"Non se pode estar cada día dicindo unha cousa diferente", sinalan estas mesmas fontes, que lembraron a existencia dun informe dos técnicos municipais que cuestiona "duramente" o trazado da variante e a alternativa elixida.

As propostas do Concello para suavizar o trazado "non son compatibles", engaden en declaracións a PontevedraViva, coas medidas de seguridade viaria que require unha estrada que absorberá tanto tráfico.

A este respecto, a Xunta asegura ser "partidaria" de ampliar o "ámbito de reflexión" sobre a variante e non cambiar "radicalmente" o trazado, pero si "modificalo algo" para reducir a afección sobre o territorio e o malestar dos afectados.

Arquivado en