Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o convenio asinado entre o Concello e a Deputación para a rehabilitación de Santa Clara está "perfectamente definido" e asegura que "espero que non" o novo goberno provincial queira cambiar os seus termos.
É a advertencia que fai Fernández Lores antes da reunión que terán ambas as partes, despois de que o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, convocase á comisión de seguimento deste convenio, apenas seis meses despois de asinarse.
A ese encontro, que se celebrará o vindeiro luns ás 11:00 horas, acudirá o edil César Mosquera. Entende o goberno municipal que é a persoa idónea para este encontro, ao xestionar el o Museo de Pontevedra e Santa Clara no pasado mandato.
"Observamos unha calma chicha no goberno da Deputación", sostivo o alcalde, para quen con todo non lle gusta a actitude que está a ter Domínguez, ao que acusa de "estar poñendo pegas" a todo o que ten que ver co goberno municipal de Pontevedra.
Así se referiu, por exemplo, á súa proposta para modificar a ordenanza fiscal de Pontevedra e reducir un 10% o IBI, o que para Lores é un "intento de obstaculizar" o labor do Concello, ao querer diminuír unha das súas principais fontes de ingreso.
Tras lembrar que todos os impostos e taxas levan conxelados en Pontevedra unha década, o alcalde apuntou que o gasto corrente aumenta cada vez máis, debido á alza dos prezos ou os maiores custos de execución das obras.
"O que me preocupa é que se faga demagoxia", sentenciou Fernández Lores, que insistiu en que "seguiremos gobernando e farémolo contra vento e marea".