Lores: "O PP ten 15 deputados galegos no Congreso? Para o que fan coas preferentes, parécenme moitos"

Pontevedra
12 de abril 2013

Unha vez máis Miguel Fernández Lores enfundouse a camiseta de apoio aos afectados polas preferentes e subordinadas. Fíxoo, igual que o alcalde de Poio e os portavoces do BNG nos concellos situados nos arredores da capital da provincia. Era unha nova mostra de solidariedade con este colectivo, un día despois de que o Congreso dos Deputados ratificase a quita a estes aforradores, un 43% no caso dos de Novagalicia Banco

Miguel Fernández Lores cos afectados por preferentes no Concello de Pontevedra
Miguel Fernández Lores cos afectados por preferentes no Concello de Pontevedra / PontevedraViva

Unha vez máis Miguel Fernández Lores enfundouse a camiseta de apoio aos afectados polas preferentes e subordinadas. Fíxoo, igual que o alcalde de Poio e os portavoces do BNG nos concellos situados nos arredores da capital da provincia. Era unha nova mostra de solidariedade con este colectivo, un día despois de que o Congreso dos Deputados ratificase a quita a estes aforradores, un 43% no caso dos de Novagalicia Banco.

Con esta decisión "confírmase o roubo a máis de 80.000 aforradores que foron enganados por caixas e bancos, deixándoos sen a maior parte do aforro de toda a vida", destacou o alcalde de Pontevedra. Cualificou a quita aprobada como unha "actitude cruel cos máis débiles" e denunciou que se trata dunha actuación "ditada polos poderosos e pola Unión Europea", ante a cal "o goberno aplaude coas orellas".

Franqueado por unha vintena de afectados, Miguel Fernández Lores leu un manifesto, o mesmo que se leu no Concello de Poio, "tras coñecer que o PP acaba de aprobar outra norma para executar o roubo dos aforros de galegos e galegas, a través da maioría que posúe non Congreso dos Deputados", entre eles co voto favorable dos quince deputados dos populares galegos "que para o que fan parécenme moitos".

O manifesto lido por Miguel Fernández Lores e Luciano Sobral é o seguinte:

1. Que a decisión política que ampara esta estafa está baseada unicamente nos intereses do sector financeiro, consolida o culto á usura e á desigualdade e afonda aínda máis na separación entre unha elite máis rica e unha maioría da poboación cada vez máis empobrecida.

2. Que existe un comportamento demagóxico por parte de deputadas e deputados galegos do Partido Popular que, mentres din solidarizarse e estar á beira das persoas afectadas, aproban directamente ou consenten con complicidade a posición política do seu partido, aliado da banca e dos intereses financeiros e que, por tanto, ao non representaren a cidadanía galega, merecen a nosa reprobación pública.

3. Que este atentado contra aforradores e aforradoras supón un grave prexuízo individual e colectivo para a nosa economía, pois quítannos a posibilidade de que unha parte substancial desas cantidades acabe por significar investimentos no propio concello que poderían axudar ás pequenas economías locais en tempos de crise.

4. Que, nese sentido, queremos sumarnos ás voces que exixen a devolución íntegra das cantidades que as persoas aforradoras depositaron sen recibiren información adecuada do produto que adquirían.

5. Que, simbolicamente, decidimos facer unha parada as 11:43 nas dependencias municipais o día despois de se cometer un acto que xulgamos indigno e contrario aos intereses de veciños e veciñas do noso concello e do conxunto do noso país. Transmitímoslle así á cidadanía a nosa vontade de continuar a defender a modificación dunha lexislación e dunhas decisións políticas que tentan eliminar totalmente as nosas posibilidades de desenvolvemento.

Ademais, o alcalde de Pontevedra lamentou que o ministro de Economía, Luís de Guindos, rexeite manter unha reunión con el, solicitada recentemente por carta. "Di que non ten tempo para recibir a un alcalde", ironizou Fernández Lores. Asegura que é "un desprezo absoluto" ao entender que ía en representación de moitas persoas "que están moi preocupadas". Fronte a isto, dixo, "mantén unha actitude sumisa as decisións que se toman fora de aquí".