Carme da Silva, cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros Anabel Gulías e Raimundo González mantiveron un encontro con representantes empresariais da comarca para reclamar o voto para o BNG nas próximas eleccións xerais. Da Silva quixo transmitir a importancia de que a formación nacionalista teña representación en Madrid para presionar de forma que se garantan os investimentos da administración central en Galicia. Segundo explicaba, durante os últimos anos paralizáronse os proxectos previstos para Pontevedra como o paseo ata Marín que xa debería estar executado; o Nudo dos Bombeiros, cuxo proxecto hai cinco anos que foi aprobado ou as novas fases da circunvalación.
Esta falta de execución dos proxectos repercute no empresariado do municipio e, neste sentido, sinala que de 2.000 millóns de euros de orzamento que en anteriores lexislaturas destinábanse a Galicia pasouse a pouco máis de 700 millóns.
Tamén trasladaron aos empresarios que é necesario un cambio na lexislación estatal para que se poidan utilizar remanentes orzamentarios e que a normativa non favoreza ás grandes empresas en lugar da as pequenas, cando estas traballan mellor. Neste sentido, Fernández Lores convidaba os empresarios a crear unións temporais para competir contra grandes empresas nos concursos públicos, do mesmo xeito que se fixo na obra da avenida Josefina Arruti.
ENCE
Fernández Lores tratou o tema de Ence co sector empresarial para explicarlle que considera incongruente que moitos empresarios con dificultades por parte da administración pública para buscar localización á súa empresa defendan a Ence, que "torticeramente utiliza terreos públicos para realizar a súa actividade".
Lores insistiu en que esta situación é un dereito de "pernada", no que a empresa pasteira non paga canon da auga nin a utilización dos terreos públicos. O representante nacionalista afirmou que lle preguntaba aos empresarios se a eles ofrecíalles terreos gratuítos en calquera sitio ou recolocar aos traballadores no caso de que se teñan que enfrontar a un ERE, como sucede con Ence, afirmaba Lores.
O alcalde de Pontevedra indicou que só a empresa e "certo circo mediático, político e empresarial" está preocupado por Ence. Acusou, ademais, á dirección da pasteira de non ter realizado un proxecto alternativo viable en colaboración coa Xunta para realizar a súa actividade noutro punto da comarca.