Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os dous partidos da oposición están a desempeñar o que el denominou "democracia negativa". Ambos tomaron a decisión de "non permitir que se aprobasen os orzamentos", obstaculizando o labor municipal.
"Póñense de acordo para destruír e para que as cousas non funcionen", sinalou Fernández Lores un día despois de que a cuestión de confianza que presentou ante o pleno non fose aprobada, ao atoparse co rexeitamento do PP e coa abstención do PSOE.
A situación actual, segundo o alcalde, provoca unha "parálise grande" no Concello, que durará "no mellor dos casos" ata mediados de marzo, cando o orzamento sexa aprobado inicialmente no caso de que a oposición non presente unha moción de censura.
O goberno municipal enfrontarase nas próximas semanas á complexa tarefa de poder executar "cousas necesarias e urxentes", para o que deberá recorrer a diñeiro doutras partidas que estivesen xa recollidas no orzamento que está vixente.
Os técnicos municipais calculan que haberá que reter máis de 11 millóns, o que supoñerá paralizar, atrasar ou anular diferentes contratos e compromisos adquiridos, polo menos ata que non entren en vigor as contas deseñadas polo goberno municipal para 2024.
"Está sendo e será un traballo complexo para a área económica do Concello", subliñou o alcalde, que recoñeceu que haberá que "priorizar" os gastos e investimentos previstos para tratar de sortear esta situación de "parálise e bloqueo".
Sobre a mesa están xa 17 contratos, entre eles a reforma da Rúa da Santiña, o incremento do SAF, o mantemento do Pazo da Cultura ou a xestión do Local de Música, que a día de non contan con asignación orzamentaria e que haberá que analizar.
Son case 4,5 millóns de euros en contratos e servizos, un deles o mantemento das caldeiras nos colexios. "Non hai cartos para iso pero buscaremos o xeito de facer fronte a este pago porque non imos a deixar aos nenos sen calefacción en pleno inverno", dixo.
"A situación do Concello é complicada e é real, non esaxeramos nin dixemos nada non pleno que non fose verdade", reiterou Fernández Lores, que chegou a asegurar que "se eu fose o presidente dun parlamento convocaría eleccións".
Como non pode facelo, engadiu, "utilizamos o único mecanismo que temos nesta administración" para poder aprobar os orzamentos, como foi a cuestión de confianza, que só poderá volver utilizala unha vez máis en todo o mandato.